O Cisne ponse en marcha con 15 xogadores e a "misma ilusión de siempre"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
O terceiro proxecto cineísta con Jabato como máximo responsable técnico do Club Cisne Balonmán iniciou este mércores a pretempada no Centro Galego de Tecnificación Deportiva co obxectivo de "no pasar apuros" para conseguir a permanencia na División de Honra Prata.
Así o recoñeceu o adestrador do club pontevedrés, que asegura que tanto el como os seus están "con la misma ilusión de siempre" por realizar un bo papel.
A mocidade será o sinal de identidade do plantel, aínda que "por suerte tenemos un equipo muy consolidado a nivel táctico", defende Jabato, xa que o núcleo do equipo continúa con respecto á pasada tempada xunto aos xuvenís que soben e que xa viña colaborando en adestramentos e partidos.
Os adestramentos comezaron con 15 xogadores confirmados no primeiro plantel, aínda pendentes dalgunha incorporación que poida completar proxecto.
Os brasileiros Gilherme Linhares e Igor dos Santos, con permiso ata a próxima semana por asuntos burocráticos no seu país, e o xuvenil Álvaro Preciado, concentrado coa selección nacional da súa categoría para participar no Campionato de Europa, son as únicas ausencias na volta ao traballo do Cisne.
Por diante mes e medio de preparación nos que Jabato conta con disputar "cinco o seis partidos" de preparación, asegura, entre os que se atopan os correspondentes coa Copa Galicia.