Abre inscricións o XXIII Medio Maratón de Pontevedra
Por Redacción
É a competición atlética máis destacada da cidade, con permiso da popular San Silvestre, e empeza xa a tomar forma a que será a súa XXIII edición.
O Medio Maratón de Pontevedra abriu as inscricións para a carreira que se disputará o vindeiro domingo 21 de outubro e que aspira a converterse un ano máis nunha xornada de celebración deportiva.
A Sociedad Gimnástica, organizadora do evento coa colaboración do Servizo Municipal de Deportes, non introducirá cambios significativos na carreira, consolidada no calendario autonómico.
Desta forma o percorrido, que pasa por algúns dos puntos máis representativos da cidade, mantense intacto con saída prevista ás 11:00 horas desde a ponte dos Tirantes para afrontar 21.097 metros repartidos en dúas voltas ao circuíto homologado no seu día pola Real Federación Española de Atletismo, estando situada a meta no interior do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
As inscricións para o Medio Maratón de Pontevedra terán un custo de 15 euros ata o día 30 de setembro e de 20 euros ata o final do prazo establecido, o día 16 de outubro, podendo formalizarse na web www.championchipnorte.com.
A marca a superar para a organización, os preto de 1.300 participantes do pasado ano (con 1.393 inscritos).