Un imbatible Tono Campos, ouro no mundial de piragüismo maratón de Vila Verde
Por Alejandro Espiño
Tono Campos non ten teito. O padeeiro do Breogán do Grove proclamouse este sábado campión do mundo de piragüismo maratón en Vila Verde (Portugal). Fíxoo na proba de C-1, onde o tamén pontevedrés Manuel Garrido (Kayak Tudense) foi segundo, logrando un dobrete histórico para o piragüismo galego.
O canoista grovense cruzou a liña de meta cun tempo 02:07:31.32, despois realizar un curto sprint con Manuel Garrido. Ambos chegaron á meta xuntos.
Campos mantívose na cabeza de carreira desde o inicio, controlando aos seus rivais para gardar forzas para os metros finais. Na última volta, el e Garrido realizaron un rápido porteo que lles fixo separarse dos seus dous acompañantes, os padeeiros de Hungría e Rusia.
Os dous deportistas galegos releváronse ata conseguir uns metros de vantaxe que lles fixo chegar a meta en solitario e así xogarse as medallas entre ambos. Ao final, despois duns metros dun duro man a man, o triunfou recaeu no padeeiro meco.
Tono Campos aínda pode colgarse unha nova medalla este domingo na proba de C-2, onde competirá xunto a Jose Sánchez. Nesta mesma competición os seus compañeiros no Breogán, Óscar Graña e Diego Romeu, loitarán tamén polas medallas.
Na categoría feminina, pola súa banda, Jenifer Casal (EP Ciudad de Pontevedra) logrou un meritorio sexto posto na final de C-1.
MARIA DE LA PEÑA ROZA AS MEDALLAS
Pola súa banda, a pontevedresa María de la Peña (EP Ciudad de Pontevedra) rozou as medallas na proba junior de C-1, ao quedar cuarta. Quedou a 33 segundos do bronce, que colgou a ucraína Mariia Honcharova. O ouro foi para a canadense Marlee Macintosh.
Na categoría sub23, o canoista Rubén Dasilva (Kayak Tudense) e Damián González (Piragüismo Verducido) terminaron nos postos noveno e décimo, respectivamente, da proba de C-1. Os galegos non puideron render ao máximo das súas posibilidades nunha carreira dura, liderada polo portugués Ricardo Coelho.