O rei Juan Carlos, segundo navegando en aguas de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A Regata Rey Juan Carlos I El Corte Inglés Máster inaugurou este venres a súa cuarta edición coa disputa das primeiras probas en augas da ría de Pontevedra. Aínda que o día amenceu gris en Sanxenxo, conforme avanzaban as horas os raios de sol coáronse entre as nubes e o vento fixo aparición, iso si, un pouco tímido.
Catro clases das 10 que competirán este fin de semana en Sanxenxo tiñan programadas probas para esta tarde: Quirónprevención ORC 0-1, 2-3 e Movistar 6 Metros Open e Clásicos.
Un dos protagonistas da xornada foi o rei emérito Juan Carlos I, que un ano máis non faltou á cita que desde 2015 leva o seu nome. Don Juan Carlos chegou ao edificio do Real Club Náutico de Sanxenxo pasadas as dúas e media da tarde acompañado da súa tripulación no "Bribon Movistar" e da Infanta Elena, que tamén navegou nun 6 M Clásico, concretamente no "Stardust" de Santiago Campos.
Tras saudar ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o monarca acudiu con Pedro Campos á reunión de patróns da clase para a continuación dirixirse ao pantalán e soltar amarras sobre as 15:30 horas.
Cunhas condicións de vento lixeiro de entre 5 e 6 nós de intensidade, o Comité de Regatas deu saída á única proba Barlovento/Sotavento que, divididos en Clásicos e Open, completarían os 6M en algo menos dunha hora.
No campo situado fronte ao Real Club Náutico de Sanxenxo non o tiveron fácil os 6M para finalizar a proba, cun cambio de percorrido incluído ao cambiar o vento de dirección uns 20º.
O "Erica", armado e patroneado por Violeta Álvarez, conta cunha tripulación moi experimentada que nestes anos de desenvolvemento da clase foi claramente de menos a máis ata converterse nun do nome para bater. O vueltamundista galego Pablo Iglesias e o cántabro David Madrazo, campión da Copa do Rei, forman parte deste equipo que se erixe como o primeiro líder en clase Movistar 6 M Clásicos.
O "Bribon Movistar" despide esta primeira xornada na segunda posición, seguido do "Alibaba" patroneado polo vigués Miguel Lago.
Este sábado o Comité de Regatas tratará de completar dúas probas Barlovento-Sotavento ou unha nova regata costeira en función das condicións meteorolóxicas.
Ademais das catro clases que este venres con máis ou menos sorte saíron á auga, o sábado entrarán a escena os Rías Baixas Clásicos, Volvo ORC Especial, Quirónprevención ORC 4, Abanca Optimist e os alumnos do Centro Nacional de Vela Adaptada Fundación MAPFRE, que disputarán o Trofeo Movistar de Vela Adaptada.