Agora si, Juan Carlos xa é primeiro
Por Oskar Viéitez
Segunda xornada da Regata Rey Juan Carlos I O Corte Inglés Máster, última proba do circuíto galego de alto nivel que se disputa en Sanxenxo e que, un día máis, contou entre os seus participantes co rei don Juan Carlos e a infanta dona Elena.
Este sábado xa navegaron os case 200 barcos que compiten nesta cuarta edición divididos nun total de 10 clases. Todos completaron o máximo de mangas previstas cun vento que, aínda que tardou en entrar pola néboa, foi de menos a máis durante o día. Como exemplo, os seis nós cos que comezaron os Volvo ORC Especial e os 14 nós cos que finalizaron o día os Quirónprevención 0-1 e 2-3.
A clase Movistar 6 Metros tivo un vento do oeste duns 8 nós para empezar as probas, intensidade que subiu lixeiramente ata os 11 nós na segunda regata e última da xornada.
Nos 6 M Clásicos o "Bribon Movistar" saíu con moitas ganas de mellorar o segundo posto da xornada inaugural de onte. Patroneado por don Juan Carlos e con Pedro Campos, Jane Abascal, Roi Álvarez e Alberto Vello completando a tripulación, este sábado asinou dúas contundentes vitorias nas dúas mangas de formato Barlovento/Sotavento arrebatando o liderado ao "Erica", quen con todo aguantou o tipo con dous segundos. O vencedor da pasada edición, o "Alibaba" de Miguel Lago, é terceiro.
Nesta mesma clase navegou un día máis a infanta Elena aínda que nesta ocasión fíxoo a bordo do "Acacia" de Mauricio Sánchez-Bela (8º).
En Movistar 6 Metros Open o portugués "Seljm" de Patrick Monteiro volveu a gañar sumando dúas novas vitorias a unha marcadora no que só hai primeiros postos. A tres puntos está o estadounidense "Bear" de Ronald Konitzer.
Percorridos Barlovento/Sotavento tamén para a clase MAPFRE J80 cun máximo de tres probas programadas e completadas. Dominio total de Javier Gándara, regatista galego moi coñecido por patronear na volta ao mundo o mítico "Galicia 93 Pescanova". O vencedor da pasada edición empuxa forte para revalidar o título en Sanxenxo e gañou co seu "Okofen" as tres mangas con total autoridade. Máis baile de posicións entre o resto de competidores, co coruñés "Impresion3D Atlántico" de Guillermo Branco (2-5-2) en segunda posición, seguido de Cristina González e o "Pazo de Cea" (5-2-4).
"ACEITES ABRIL" E "CACHETE", LÍDERES EN QUIRÓNPREVENCIÓN ORC
Xornada longa para as clases Quirónprevención ORC 0-1 e 2-3, con tres probas disputadas que comezaron ás 14 h35 e que terminaron cando eran case as 19 h00.
O "Aceites Abril" de Luís Pérez Canle colócase líder de Quirónprevención 0-1 tras sumar dous podios parciais e un terceiro en augas da ría de Pontevedra. O barco do Real Club Náutico de Vigo inaugura a clase no liderado, pero seguido polo campión de 2017, o "Mirfak" de Diego López, a dous puntos. Empatado co barco da CN de Regatas de Ferrol a sete puntos, está o "Arroutado" do RCN de Portosín, quen polo momento se colga o bronce provisional.
En Quirónprevención 2-3 o primeiro líder desta edición é un coñecido da regata. Bronce o pasado ano, o "Cachete" de Fran Edreira gañou dúas das tres mangas terminando tan só un punto por diante do "Grupo Santorum & Martínez", segundo. É terceiro o "Bosh Service Solutions" patroneado polo vigués Rodrigo Ojea.
PERCORRIDOS COSTEIROS PARA TRES CLASES
Os 11 barcos que compiten en clase Volvo ORC Especial tamén puideron gozar dun bo día de navegación na ría de Pontevedra. Comezaron a súa proba pasadas as 14.00 horas con vento do noroeste duns seis nós. Por diante, un percorrido de 13 millas nos que Camouco, Picamillo, Mourisca e Cabezo de Morrazán foron puntos de paso obrigado antes de regresar fronte ao RCNS, onde estaba a liña de chegada. Magín A. Froiz e o seu "Sebrala" levouse o gato á auga cun primeiro posto seguido de "Moucho", segundo.
Mesmas condicións na saída e mesmo percorrido completaron os Quirónprevención ORC 4, nos que "Qtalento" de Javier Rey foi o mellor.
Máis curto foi o percorrido dos Rías Baixas Clásicos: unhas nove millas con saída, paso por Picamillo e chegada xusto diante do RCNS. Nesta ocasión o "Blue Moon" de Luís Molina levouse o triunfo tras máis de dúas horas de regata.
O Trofeo Movistar de Vela Adaptada tamén inaugurou hoxe as súas probas con cinco embarcacións Damm 5.5 do Centro Nacional de Vela Adaptada tripuladas por persoas con discapacidade pertencentes a COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) acompañados por un monitor da Escola de Vela do R.C.N.S.
Os máis de 110 Optimist que compiten en Sanxenxo tamén inauguraron hoxe as súas marcadoras particulares. A proba é ademais clasificatoria para o ránking galego.