Unha marea verde alagará Pontevedra na segunda marcha "Andar e correr" da AECC
Por Diego Espiño
O vindeiro domingo 7 de outubro Pontevedra acollerá unha auténtica marea verde contra o cancro. Esa é polo menos a idea da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que organizará ese día a súa segunda marcha "Andar e correr".
Cun cambio de formato, esta proba deportiva reformúlase cunha carreira popular de 5 quilómetros nun circuíto integramente urbano e que tamén se poderá realizar camiñando para facela "accesible para todos", sinalou na presentación do evento Eva Barrio.
O obxectivo principal que marca a AECC é recadar fondos para financiar investigacións relacionadas co cancro, pero tamén pretende promocionar a actividade física e difundir os programas de apoio da asociación a enfermos e os seus familiares.
Os 8 euros da inscrición, que poderá formalizarse ata o día 4 na web www.emesports.es, servirán como recadación solidaria de fondos, e con ela regalarase ademais unha camiseta técnica a todos os participantes, establecéndose un límite de 1.500 prazas.
De todos os xeitos, non só se poderá colaborar correndo, xa que na mesma plataforma habilitouse un 'dorsal 0' para realizar achegas económicas, ademais da conta bancaria da asociación (ES76 2080 5401 5430 4020 3035).
A carreira popular partirá ás 11:00 horas do domingo 7 de outubro desde a Avenida Montero Ríos, punto tamén de chegada tras percorrer varias rúas do centro da cidade e da súa zona monumental.
Tras a proba organizarase unha festa para todos os participantes que contará cunha pista americana infantil e cun concerto do grupo 'La pistola del manco'.
Relacionadas:
-
Pontevedra volverá saír á rúa o 6 de outubro para loitar contra o cancro
Por Manu Otero |
-
Pontevedra buscará en outubro unha ‘marea verde’ de 2.500 persoas contra o cancro
Por Redacción |
-
A AECC saca á luz o impacto psicolóxico do cancro nos pacientes e as súas familias e reivindica maior atención profesional
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Multitudinaria marcha contra o cancro en Pontevedra
Por Diego Espiño & Diego Torrado |