O Marcón roza a proeza ante o Barbadás, o Amanecer gana en Beluso e o Unión Grove estréase
Por Redacción
Moi preto estivo o Marcón Atlético de completar unha auténtica proeza, puntuar ante un dos grandes favoritos ao ascenso como é o Barbadás ourensán despois de xogar unha hora cun futbolista menos sobre o terreo de xogo.
Evitouno un tanto de David Soares no minuto 84, que deixou sen recompensa o tremendo esforzo dos de Borja Burgos.
O choque estivo condicionado pola expulsión do local Dani Adán no minuto 29 de xogo por dobre cartolina. Ata entón o duelo estaba a disputarse de poder a poder. Consentes da situación, os pontevedreses aplicáronse en labores defensivos esperando a súa oportunidade, e foron pasando os minutos ata que Soares deixoulles co mel nos beizos no tramo final.
Con esta derrota o Marcón cae á undécima posición do Grupo Sur de Preferente con 8 puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Barbadás.
O Amanecer conseguiu a súa terceira vitoria do curso despois de superar a domicilio o Beluso (1-2).
Os do Grove golpearon ao seu rival nos momentos clave do partido, cun tanto de Félix Aguín pouco antes do descanso e outro, o 0-2, ao pouco de iniciar o segundo acto, aproveitando Augusto un lanzamento desde o punto de penalti. A pesar de á desvantaxe, os locais non desesperaron, recortaron dous minutos despois cun gol de Colmenero e lanzáronse a por un empate que a pesar de gozar de ocasións non chegou.
Este resultado aúpa o Amanecer á sétima posición con 10 puntos e deixa ao Beluso no posto 17 con 6 puntos.
Consulta a acta do Beluso-Amencer.
Triunfo do Villalonga, que asoma pola zona alta da táboa tras vencer ao Atios pola mínima (1-0).
O gol de Javi Vila aos 17 minutos de xogo resultou decisivo para os celestes, que fixeron gala do seu bo facer defensivo para conservar a vantaxe e levar os tres puntos en xogo.
O Villalonga colócase así no quinto posto con 10 puntos.
Consulta a acta do Villalonga-Atios.
Á sexta foi a vencida para o Unión Grove, que rendibilizou o máximo o seu primeiro gol en liga para conseguir tamén a súa primeira vitoria da tempada, ao superar ao Antela (1-0).
Tomás no minuto 45 fixo o único tanto do encontro no Monte da Vila, e o cadro meco centrouse en defender con uñas e dentes a renda para lograr unha vitoria coa que recobran a moral á vez que abandona a última posición.
O Unión suma agora 4 puntos e colócase no posto 19.
Consulta a acta do Unión Grove-Antela.
Seguen sen perder en liga o Xuventú Sanxenxo, aínda que non puido pasar do empate nesta ocasión no seu campo ante o Alertanavia (1-1).
Tomaron vantaxe os visitantes pasada a media hora de xogo, e non foi ata mediada a segunda metade cando os amarelos conseguiron igualar por medio de Novegil, no minuto 77.
O empate deixa o Sanxenxo na cuarta posición con 10 puntos.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Alertanavia.
Despois de dúas vitorias consecutivas, o Juventud Cambados cedeu no encontro que lle enfrontaba a domicilio ao Mondariz (2-1).
Os amarelos fixeron o máis difícil, ao adiantarse no marcador aos 70 minutos de xogo cun gol de David Falcón, pero a alegría duroulles pouco xa que os locais remontaron con dous goles en dous minutos, 73 e 74.
A pesar da derrota o Cambados é sexto con 10 puntos.