Multitudinaria marcha contra o cancro en Pontevedra
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Unha gran marea verde gritou ao unísono este domingo en Pontevedra que é posible vencer o cancro.
A segunda marcha "Andar e Correr" organizada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) resultou todo un éxito de participación cubrindo as 1.500 prazas habilitadas.
Ese milleiro e medio de participantes elixiu como completar os 5 quilómetros de percorrido polo centro da cidade, andando ou correndo. Pouco importaban as marcas, o importante era reivindicar a loita contra o cancro e colaborar en financiar investigacións sobre a enfermidade. Porque aí irán parar os fondos recadados mediante as inscricións e tamén a través da fila 0 habilitada na conta bancaria da AECC Pontevedra (ES76 2080 5401 5430 4020 3035).
A Avenida Montero Ríos foi o epicentro da xornada. Alí estaba instalada a saída e a meta da carreira (ou marcha) popular, e alí continuou a actividade cunha festa para todos os participantes e os seus acompañantes, contando cunha pista americana infantil e ata ambientación musical cun concerto de 'La pistola del manco'.
Ademais de recadar fondos para a investigación, a AECC pretendía con esta iniciativa promocionar a actividade física e difundir os programas de apoio que a asociación pon a disposición de pacientes e familiares.
En definitiva, a segunda marcha "Andar e Correr", no seu novo formato, resultou todo un éxito coa esperanza de consolidarse no calendario e servir, por modesta que sexa a súa achega, para que o cancro se converta, máis temperán que tarde, nunha enfermidade crónica pero tratable.
Relacionadas:
-
Contra o cancro, non importa se andas ou corres, a cuestión é estar
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Pontevedra volverá saír á rúa o 6 de outubro para loitar contra o cancro
Por Manu Otero |
-
Pontevedra buscará en outubro unha ‘marea verde’ de 2.500 persoas contra o cancro
Por Redacción |
-
A AECC saca á luz o impacto psicolóxico do cancro nos pacientes e as súas familias e reivindica maior atención profesional
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Juan Carlos I e a infanta Elena presiden unha cea benéfica contra o cancro en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Mans rosas na Peregrina contra o cancro de mama
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Unha marea verde alagará Pontevedra na segunda marcha "Andar e correr" da AECC
Por Diego Espiño |