O Teucro cae en Granollers lastrado unha vez máis por unha mala posta en escena (30-20)
Por Redacción
Catro de seis no que levamos de tempada. Cuarta vez nas seis xornadas disputadas de liga na que o Teucro paga as consecuencias dunha mala posta en escena, tendo que ir a remolque do seu rival, loitando por recortar a distancia establecida nos primeiros compases do partido, sen conseguir máis que achegarse un pouco para terminar cedendo ao final.
Esta vez foi o Granollers quen se aproveitou do frouxo comezo do equipo teucrista, que se a tempada pasada daba a sorpresa no Palau d'Esports, nesta ocasión regresou de baleiro dunha das pistas máis complicadas da categoría, repetindo erros tanto defensivos como en ataque, que levaron o partido a un primeiro parcial abafador de 7-1 nos primeiros oito minutos de partido.
Os vallesanos tiveron un seguro baixo paus, coa actuación de Marc Guàrdia, que asinou un sensacional 47% de efectividade (con 8 paradas de 17 lanzamentos) nunha primeira parte na que o Teucro reaccionou ata poñerse a tres (9-6) aos 19 minutos, pero non logrou achegarse máis, retirándose ao descanso cunha desvantaxe importante pero que permitía albergar unha mínima esperanza de remontada (13-9).
E esa esperanza tomou corpo ao renovarse o xogo. Natan Suárez e Davor Cutura poñían ao Teucro máis preto (13-11) e así se mantivo a relativa igualdade ata o minuto 38 (16-13), momento en que o Granollers apertou o acelerador e en menos de cinco minutos fixo un parcial de 4-0 para escaparse definitivamente (20-13).
Desde aí ata o final, os intentos azuis morreron sempre ante un Granollers serio, que non deu opción, mantendo a súa renda con comodidade e mesmo ampliándoa, axudado polo baixón físico dos de Luís Montes, ata terminar impoñéndose por un claro 30-20.
BM GRANOLLERS (30): Marc Guàrdia; Borja Lancina (4), Adrià Figueras (6, 1 de penalti), Oswaldo Dos Santos, Adrià Martínez (2), Mamadou Gassama (5), Antonio García (2) -sete inicial-, Almeida (p.s.); Marc García (1), Álvaro Ferrer, Pol Valera, Víctor Saez (2), Vukasin (2), Popovic (1), Sergi Franco (2) e Alejandro Marquez (3).
SD TEUCRO (20): Lloria; Quintas (2), Rial, Cutura (6, 5 de penalti), Gehrhardt (1), Cangiani (1), Dani Hernández (2) -sete inicial-, Santana (p.s.); Moyano (3), Natan Suárez (2), Samu Gómez (1), Fischer (2), Samu Pereiro e Alberto Garrido.
Árbitros: Enric Escoda Pérez e Roland Sánchez Bordetas (Cataluña). Excluíron dous minutos a Popovic e Alejandro Márquez, no Granollers, e a Quintas e Alberto Garrido, no Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 3-1, 7-2, 9-3, 11-6, 12-8, 13-9 (descanso), 14-12, 17-13, 20-14, 24-17, 27-19 e 30-20 (final).
Incidencias: Palau d` Esports de Granollers.
Relacionadas:
-
O Teucro prepárase para o seu terceiro partido en sete días ante o Bidasoa
Por Sofía Lorenzo | Creada e actualizada
-
Un gol de Iván Fernández a tres segundos do final clasifica ao Teucro en Copa ante o Nava (29-30)
Por Redacción |
-
O Teucro, ante a súa semana máis esixente: debuta na Copa do Rei ante o Nava
Por Alejandro Espiño |
-
O Teucro, a repetir xesta en "una de las pistas más complicadas de la categoría"
Por Diego Espiño |
-
O Teucro sae á rúa co obxectivo de que Pontevedra volva ser azul
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A primeira vitoria do Teucro chega ao grande, tombando o Ademar (26-24)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |