O Medio Maratón de Pontevedra confía en chegar aos 1.500 corredores
Por Redacción
Co reto de alcanzar os 1.500 corredores. Para iso están a traballar os organizadores da vixésimo terceira edición do Medio Maratón de Pontevedra, a escasas horas de que peche o período de inscrición para a proba, que se disputará o próximo domingo 21 de outubro.
O director deportivo da proba, Victor Riobó, mostrouse confiado en poder acadar esa cifra de participantes. "Aínda que é unha meta ambiciosa, é realista", explicou na presentación da carreira, que pecha a reserva de prazas mañá martes, ás 23.59 horas.
A participación ten un custe de vinte euros, pero os corredores terán dereito a unha camiseta da proba, ademais de todo o avituallamento.
A partir de mañá poderanse coller os dorsais na rúa Peregrina, número 6. Na xornada do sábado e do domingo será no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
A carreira, que partirá das inmediacións da Ponte das Tirantes ás 11.00 horas, transcorrerá polos 21 quilómetros que se reparten nas dúas voltas ao circuíto urbano homologado no seu día pola Real Federación Española de Atletismo. É o mesmo percorrido que en edicións anteriores. A meta estará situada no interior do CGTD.
Para todos aqueles corredores que queiran recoñecer o percorrido haberá unha quedada, este martes 16 de outubro ás 20.00 horas, desde o pavillón do CGTD. Os participantes irán acompañados pola Policía Local, para poder correr polas rúas que atravesará a proba.