O Poio Pescamar volve á competición ante o Sala Zaragoza en horario dominical
Por Redacción
Tras o parón de dúas semanas, provocado pola celebración en Buenos Aires dos Xogos Olímpicos da Mocidade, o Poio Pescamar retoma a competición ligueira. Farao ante un equipo recentemente ascendido, o Sala Zaragoza.
Será nun horario pouco habitual para o equipo conserveiro, xa que dúas das súas xogadoras, Carol e Antía, non regresan de terras austrais ata o sábado. Por iso, o encontro disputarase o domingo 21 de outubro, ás 12.00 horas, no pavillón da Seca.
A pesar das aragonesas non coñecen a vitoria nas tres xornadas disputadas, o técnico do Poio Pescamar, Dani Díaz, asegura que as pontevedresas non se poden confiar xa que o rival "está en proceso de adaptación" e ten "moito potencial en ataque".
Díaz espera que o seu equipo "non note o parón" e se manteñan as boas sensacións mostradas no seu último encontro, derrotando o todopoderoso Universidad de Alicante na súa propia pista.
CAMPAÑA DE ABONADOS
Ademais, o Poio Pescamar presentará este xoves a súa nova campaña de socios e abonados, onde haberá novos prezos e máis vantaxes para as familias á hora de retirar os seus abonos.
O propio domingo tamén se poderán retirar os abonos nas oficinas do club, situada no propio pavillón, e moi pronto tamén se poderán adquirir as novas camisetas do equipo.