O Teucro dilúese en nove minutos e entrega o partido en Irún (32-21)
Por Redacción
Estrelado contra a súa falta de acerto atacante e desesperado polo recital de porteiro do Bidasoa. Así entregou o partido o Teucro en Irún, cun afundimento espectacular en nove minutos de desconcerto total superado o ecuador do primeiro tempo, que lle levaron a encaixar un severísimo parcial de 7-1 para pasar do empate (6-6, minuto 16) a unha diferenza que logo resultaría insalvable (14-7, minuto 25).
Ao equipo galego non lle saíu practicamente nada do que tentou. Baste apuntar como mostra o sucedido na última xogada antes do descanso, cando o Teucro perde un balón inocente buscando un "fly" para Cangiani, que termina, en só 5 segundos, en contraataque fulminante culminado con gol de Iñaki Cavero, favorecido por un moi mal balance defensivo dos azuis, para deixar ao descanso un duro e doloroso 17-9.
Se Santana fixo o que puido, que non foi moito, ante a fraxilidade defensiva do seu equipo, na portería contraria o do meta brasileiro Rangel foi de recital. Nada menos que 11 paradas de 19 lanzamentos, para asinar un asombroso 57,89% de efectividade, ante o que se estrelou unha e outra vez o equipo teucrista e máis concretamente o seu home crave Davor Cutura, que só puido achegar un gol de cinco lanzamentos nos 30 minutos iniciais, nos que Moyano achegou a escasa luz ofensiva dun Teucro gris, que non se atopou cómodo en ningún momento na pista de Artaleku.
A segunda parte foi un quero e non podo por parte dos de Luís Montes, que o tentou todo (cambio na portería, tempos mortos para ordenar aos seus) e nada lle deu resultado. Bidasoa mantivo o seu nivel e foi implacable, facendo subir a diferenza aos poucos sen dar a máis mínima opción a un Teucro que terminou entregándose ao inevitable e no que só Natan Suárez estivo á altura esixible nun partido da máxima categoría, facendo complicado entender que o técnico non lle dese máis minutos na primeira parte, cando a primeira liña estaba en modo "encefalograma plano".
Ao final un severo marcador (32-21), fronte a un Bidasoa que demostrou estar varios banzos por encima do nivel actual dun Teucro irregular, aínda en construción, e que segue tentando afinar as súas teclas.
CD BIDASOA IRÚN (32): Rangel; Iñaki Cavero (8, 1 de penalti), Mikel Zabala (1), Iker Serrano (2), Paco Barthe (3), Leo Renaud (3), Thomas (1) -sete inicial-, Xoan Manuel Ledo (p.s.); Iñigo Aldaba (2), Odriozola (2), Esteban Salinas (4), De La Salud (1), Rodrigo Salinas (3) e Jon Azkue (2).
SD TEUCRO (21): Santana (1); Moyano (4), Quintas (1), Iván Fernández, Samu Gómez (2), Cangiani (2), Dani Hernández (2) -sete inicial-, Lloria ( p.s.); Natan Suárez (3), Rial, Davor Cutura (3, 2 de penalti), Carlos Gehrhardt (1), Fischer (1), Samu Pereiro e Cristian Remeseiro (1).
Árbitros: José Carlos Friera Cavada e Jesús Álvarez Menéndez (Asturias). Excluíron dous minutos a Esteban Salinas, Iker Serrano e Leo Renaud, no Bidasoa, e a Quintas, Moyano e Dani Hernández, no Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 1-1, 4-2, 6-4, 9-6, 13-7, 17-9 (descanso), 19-12, 21-13, 23-14, 25-17, 28-20 e 32-21 (final).
Incidencias: Polideportivo Artaleku (Irún).
Relacionadas:
-
Cutura non basta a un impreciso Teucro para vencer al Ángel Ximénez (31-34)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Conxura teucrista para empezar a sumar no comezo da 'súa liga'
Por Diego Espiño |
-
O Teucro prepárase para o seu terceiro partido en sete días ante o Bidasoa
Por Sofía Lorenzo | Creada e actualizada
-
Un gol de Iván Fernández a tres segundos do final clasifica ao Teucro en Copa ante o Nava (29-30)
Por Redacción |
-
O Teucro, ante a súa semana máis esixente: debuta na Copa do Rei ante o Nava
Por Alejandro Espiño |