Sanxenxo será sede do Europeo 2020 e do Mundial 2021 da Clase 6M de vela
Por Redacción
Dous eventos deportivos de carácter internacional recaerán en Sanxenxo no próximos tres anos, ambos os dous relacionados co mundo da vela e coa mesma categoría, a clase 6 M (6 metros) de barcos clásicos.
O Real Club Náutico de Sanxenxo acollerá en 2020 o Campionato de Europa da categoría e no ano 2021 o Campionato do Mundo.
Trátase dunhas embarcacións que frecuentemente se poden ver competir na Ría de Pontevedra, dentro dun circuíto nacional no que é habitual o rei emérito, Juan Carlos I, a bordo do 'Bribón'.
Precisamente o monarca foi unha das autoridades presentes na presentación destes eventos, celebrada este mércores na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela coa presenza, entre outros, da Secretaria de Estado para o Deporte, María José Renda; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a Infanta Elena; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o presidente do RCNS Sanxenxo, Pedro Campos; e o vicealmirante Ignacio Horcada.
"Sanxenxo e Galicia enteira serán perfectos anfitrións", sinalou no acto o presidente autonómico, convencido de que estes campionatos serán "un pórtico maís" do próximo Xacobeo, previsto para o ano 2021.