Máis de 400 remeiros tomarán parte en Marín no Campionato de España de 'Yolas'
Por Redacción
O remo nacional ten unha cita esta fin de semana en Marín, onde se celebrará a LXXI edición dos Campionatos de España de Yolas.
Máis de 400 deportistas de 14 clubs de toda a xeografía nacional tomarán parte na competición, que se desenvolverá o sábado 3 e o domingo 4 de novembro nun campo de regatas instalado fronte ao Paseo Alcalde Antonio Blanco.
Trátase dun campionato enmarcado dentro das actividades de remo da Semana Abanca, e que conta co apoio e organización da Federación Española de Remo, a Federación Galega de Remo, a Escola Naval Militar, o Concello de Marín, o Club Marítimo de Vigo e a Sociedade Deportiva Samertolameu, así como coa colaboración dos clubs de Marín, Aguete e o Vila de Cangas.
A competición desenvolverase en largos de 250 metros para as categorías cadete (1.500 metros), xuvenil (2.000 metros), absoluta (2.000 metros) e veteranos (1.000 metros), arrincando as eliminatorias ás 10:00 horas do sábado, mentres que o domingo as finais disputaranse desde as 9:30 horas.
A programación de remo da Semana Abanca completarase ademais en próximas datas coa Copa Galicia de Bateis, a Gala do Remo Galego e o Campionato Escolar de Remo Ergómetro.