A Raña vibra cunha emocionante final da Copa Galicia de Baloncesto
Por Redacción
Marín puido gozar dun gran derbi galego de ACB na final da Copa Galicia celebrada este mércores no pavillón da Raña.
O Breogán de Lugo proclamouse campión autonómico despois de superar nun emocionante e apertado final ao Obradoiro, por 75 a 74.
O conxunto lucense cortou a xeira de oito triunfos consecutivos do Obradoiro en Copa Galicia despois dun encontro que comezou dominando no primeiro parcial (22-14).
A renda subiu a dez puntos ao descanso (48-38) e o Breogán chegou a marchar a 13 puntos xa no terceiro cuarto, pero os santiagueses melloraron e foron recortando a distancia ata meterse no choque.
Chegouse ao último parcial con cinco puntos de diferenza (62-57), e pronto o Obradoiro lograba poñerse por primeira vez arriba no luminoso (65-68). Entrouse entón nunha fase do alternativas ata o último minuto.
Navarro encestou desde a liña de tres puntos para poñer o 73-74, pero Jordan aproveitou dous tiros libres para colocar o 75-74 a favor dos de Lugo. Quedaban once segundos, tempo suficiente para unha acción de ataque e un triplo de Singler que podía ser decisivo pero que non atopou a canastra. O triunfo era para o Breogán.