O Campionato de España de Yolas finaliza pasado por auga
Por Sofía Lorenzo
Máis de 400 deportistas procedentes de 14 clubes de toda a xeografía española participaron, durante esta fin de semana, no Campionato de España de Yolas, que se desenvolveu nas augas de Marín. Este ano, a competición, que se enmarca dentro das actividades de remo da Semana Abanca, cumpriu o seu LXXII aniversario. Nesta ocasión, a gran protagonista da cita foi a choiva.
O campo de regatas instalouse fronte ao Paseo Alcalde Antonio Blanco. Os regatistas tiveron que realizar largos de 250 metros ata alcanzar as distancias de 1.500 metros no caso dos deportistas cadetes, 2.000 os xuvenís e absolutos e 1.000 os veteranos.
A primeira das dúas xornadas da competición, que se desenvolveu o sábado 3 a partir das 10:00 horas, foi decisiva para saber que clubes clasificaríanse directamente para as finais. Pola tarde, os regatistas que quedaron fóra da lista de equipos que optarían ao podio puideron loitar polo resto de prazas a modo de repesca.
Nesta ocasión, os galegos, entre os que se atopaban o Club de Regatas Perillo da Coruña, o Club Remo de Tui e o San Felipe de Ferrol, fixeron unha gran actuación.
Nas dúas principais categorías, a armada galega obtivo a metade dos billetes das finais, xa que na feminina clasificáronse o Náutico de Gandía, o Real Club de Regatas de Alicante, Club de Regatas Perillo da Coruña e Club Remo Tui. Na masculina competiron polos metais o Club Remeros do Nalón de Navia, o Club de Remo Guadalquivir 86 de Sevilla e os galegos San Felipe de Ferrol e Club de Remo Tui.
Pola súa banda, as probas que o domingo estaban programadas para as 9:30 horas tiveron que ser adiantadas trinta minutos a causa do mal tempo previsto. Desta forma, o equipo de Alicante vencía en cadetes masculinos, por diante de Remo Tui e Cedeira, mentres que en xuvenís os mellores eran os coruñeses de Perillo, que se facían co ouro. Detrás quedaban Alicante e San Felipe de Ferrol.
Coa máxima tensión chegaban as finais absolutas, sendo o ouro en mulleres para o Real Club de Regatas de Alicante e o de homes para os Remeros de Nalón. Os outros metais femininos para Remo Tui e Real Club Náutico de Gandía, mentres que os masculinos levábanos Guadalquivir de Sevilla e Remo Tui.
Tras a competición, o concello de Marín acolleu a entega de medallas. No acto estiveron presentes a alcadesa, María Ramallo, e a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, entre outros.