Medio milleiro de deportistas de 35 países estarán no Europeo junior de Loitas Olímpicas
Por Alejandro Espiño
Avanza a organización do comité organizador do Campionato de Europa de Loitas Olímpicas que, na categoría júnior, vai a celebrarse en Pontevedra do 3 ao 9 de xuño de 2019. Agárdase a participación de preto de 500 deportistas de 35 países do vello continente.
O campionato terá lugar no Pavillón Municipal, que acollerá as probas de loita libre olímpica masculina e feminina e a de loita grecorromana.
A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro; o presidente e xerente da Federación Española de Loitas Olímpicas, Francisco Javier Iglesias Serna e Luis González; e Pablo Pintos, Florencio Pintos e Isabel González da Federación Galega de Loita, mantiveron unha reunión técnica da que, entre outras cousas, quedou fixada a data de celebración do campionato.
Ademais, definiuse un calendario de traballo e a distribución de tarefas.
O campionato europeo é o primeiro de carácter internacional de loita que vai a acoller Pontevedra, que si ten acreditada experiencia na organización de campionatos de España en todos os niveis: escolar, cadete, júnior e sénior.
"É un reto e un paso adiante máis nesta disciplina", sinalou Anxos Riveiro quen lembrou a importancia que terá para visibilizar o discorrer dun deporte minoritario mais vai abríndose paso na cidade e no país.
O evento mobilizará a máis de 800 persoas: arredor de 500 deportistas -de 17 a 20 anos- máis adestradores, delegados ou equipos de apoio, o que traerá un retorno económico directo á cidade e unha importante publicidade engadida pois, como apuntou Pablo Pintos, o campionato retransmitirase por streaming ao mundo.
Relacionadas:
-
O futuro da loita olímpica nacional pasa polo CGTD
Por Redacción |
-
Pontevedra avanza en Ostia (Italia) na organización do Europeo Júnior de Loita 2019
Por Redacción |
-
Pontevedra acolle con éxito o Nacional escolar e cadete de loitas olímpicas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pontevedra "ensaiará" a organización do Europeo de Loita co Campionato de España
-
Conceden a Pontevedra a organización do Europeo Junior de Loitas Olímpicas de 2019
Por Diego Espiño |