As súas habilidades futbolísticas como xogador e as tácticas como adestrador son coñecidas. Con todo, só os seus pais e as súas irmás poderían dar testemuño doutra habilidade que Luis Miguel Areda Figueiredo, Luismi, descobre: a de ' estirador' de cola caos. Que é iso de 'estirador' de cola caos? pois inexorablemente garda relación co fútbol, pero quen mellor que o propio protagonista contando ese momento da súa infancia nesta Playlist.
Moitos balóns pediu por Nadal e polos seus aniversarios - que por certo, acaba ser -, pero lembra especialmente un Adidas Etrusco. Os seus inicios como xogador na Base foron no Sárdoma. Conta que rexeitou a oferta do Celta porque daquela só o primeiro facilitáballe o transporte. Logo, como sub 19 si foi celtista; de aquí pasou a fichar co Coruxo, a Gran Peña e chega á súa vida o Pontevedra CF. Lembra que "alí estaba eu, no vestiario con aqueles xogadores que había nada estaba a ver na televisión".
Na súa vida sentimental tamén tiña que haber balóns: os de balonmán que achegou Sonia, a súa muller, á que coñeceu moi nova. "Os sábados tocaba balonmán e os domingos fútbol", di. Aquela parella que marchou a vivir a Oviedo, agora é unha familia de catro membros. Dous homes máis: Nico e Álvaro. "Antes era o pai de... agora son Luismi", conta e chancea cando fala da lexión de seguidores que agora ten entre os compañeiros dos seus nenos.
Hai un par de máximas que leva gravadas de dous adestradores, un deles Milucho, que tamén pasou polo Pontevedra. Trata de resistirse ás supersticiones, pero unhas New Balance granates parecen estar abocadas a presenciar máis partidos, como a camisa branca, "e a comida que haxa prevista, non se cambia". Reivindica un fútbol que non "estea encorsetado" e aínda que en PontevedraViva Radio esta vez é el quen pon a banda sonora, son os xogadores granates os que escollen a música no vestiario.
Pecha esta Playlist co "We are the champions" de Queen, a modo de desexo e obxectivo por cumprir. Semana a semana.