A estadounidense Bethanie Mattek-Sands, primeira rival de Lourdes Domínguez en Roland Garros
Por Alejandro Espiño
Lourdes Domínguez xa está en París. En apenas dous días comezará a súa participación en Roland Garros, o segundo Grand Slam da tempada. A tenista pontevedresa debutará contra a estadounidense Bethanie Mattek-Sands, segundo determinou o sorteo celebrado este venres na capital francesa.
Lourdes Domínguez chega ao torneo francés nun momento doce de xogo. A pontevedresa, grazas aos seus últimos resultados, situouse no posto 46 da WTA, moi preto do mellor resultado da súa carreira. Nos últimos meses foi, entre outros, finalista no torneo de Marrakech e alcanzou os oitavos de final en Roma.
Pero aínda así non será un partido fácil para ela. A súa rival, situada no posto 66 do ranking, é unha experimentada xogadora que alcanzou a final en Kuala Lumpur e as semifinais en Stuttgart, hai apenas un mes. Ambas enfrontáronse tan só unha vez durante a súa carreira. Foi o ano pasado no torneo de Cincinnati (Estados Unidos) e entón Bethanie Mattek-Sands derrotou a Lourdes Domínguez por un dobre 6-3.
En todo caso, a pontevedresa espera, como así sinalou recentemente a PontevedraViva, poder facer un bo papel neste torneo, onde o seu mellor resultado chegou en 2009, ano no que alcanzou a terceira rolda.
Se Lourdes Domíguez vence no seu debut en Roland Garros igualaría o resultado logrado a tempada pasada en París, onde perdeu en segunda rolda. Alí a súa previsible rival sería todo un óso. A chinesa Na Li, actual número 6 do mundo, ganadora do torneo francés hai dous anos e finalista do Aberto de Australia en xaneiro. Xogará o seu primeiro partido contra a tamén española Anabel Medina.