Fredi sobre o interés do Pontevedra: "Se a directiva está contenta co meu traballo seguiría no Compostela"
Por Alejandro Espiño
ÿ o adestrador desexado polo Pontevedra CF para a próxima tempada. Así transcendeu trala reunión, este venres, de parte do Consello de Administración do club. Pero Alfredo Álvarez, "Fredi", prefire non descentrarse do seu obxectivo: lograr o ascenso do Compostela á Segunda División B. E por agora empezaron con bo pé. O equipo santiagués venceu por 4-0 ao Ebro na ida da primeira eliminatoria do playoff.
Nunha entrevista concedida ao programa Galicia en Goles da Radio Galega, o adestrador de Moaña asegura que, neste momento, "estou centrado no Compostela que é o único que me preocupa". Afirma que "non hai maior currículo para un adestrador que un ascenso", o obxectivo, dixo, que se marcaron el e o seu equipo cando se fixeron cargo das rendas do Compostela no mes de novembro.
Fredi termina contrato o próximo 30 de xuño, de aí o interese do Pontevedra, pero parece que o seu desexo é continuar. "Non depende de min", recoñece o morracense. "Cando remate o playoff sentarémonos a falar e veremos se a xente do Compostela está contenta co meu traballo".
En todo caso, reitera que el está cómodo en Santiago de Compostela. "Estou moi a gusto con todo o mundo", afirma. Por iso non dubida en sinalar que se a directiva quere seguir contando con el para a próxima tempada, independentemente do resultado final do playoff de ascenso, estaría disposto a continuar á fronte do equipo.
"Pero non depende de min, ó único que depende de min é o ascenso", insiste Fredi. "O 30 de xuño, veremos".