Antonio de Segovia adxudícase unha Volta a Coruña na que arrasou o Súper Froiz
Por Alejandro Espiño
Era un dos seus retos da tempada e cumprírono de sobra. O Grupo Deportivo Supermercados Froiz volveu á ser a protagonista da Volta Ciclista á provincia da Coruña. Tralo triunfo de Ángel Vallejo na pasada edición, esta vez foi outro dos corredores da formación alimenticia, Antonio de Segovia, o que se fixo coa vitoria nunha proba na que arrasou o equipo pontevedrés.
De Segovia dáballe o seu sétimo triunfo nas doce edicións da rolda coruñesa. Foi por só un segundo, o exiguo pero suficiente tempo de vantaxe que logrou sobre o ciclista extremeño Alberto Gallego. Era a diferenza que había entre ambos trala disputa da segunda etapa, na que Gallego foi investido como líder ata que o xurado técnico revisou as imaxes da chegada á meta. Comprobaron que o ciclista de Don Benito cedera dous segundos máis.
Así que a terceira e última etapa, con saída e chegada en Ribeira, comezaba xa con Antonio de Segovia co maillot amarelo de líder. Era a máis curta da proba, apenas 115 quilómetros, e o Supermercados Froiz controlouna de principio a fin, logrando neutralizar todos os ataques dos seus rivais. Ao final, a etapa decidiuse ao sprint entre un grupo de 17 corredores, escapados a seis quilómetros da meta. O máis rápido foi David Santillana, do Cajamar.
Ademais da vitoria de Antonio de Segovia, o equipo pontevedrés logrou meter un segundo home no podio. O ciclista manchego Raúl García de Mateos foi terceiro, a 11 segundos do vencedor.
A vitoria na clasificación xeral non foi a única do Supermercados Froiz. Os maillots de primeiro galego e primeiro sub 23 recaeron no padronés Martín Lestido, unha das máis firmes promesas do ciclismo galego actual, que finalizou quinto na xeral. O triunfo por equipos tamén caeu claramente nas súas mans. Só se lles escapou o premio da montaña, o único maillot que se levou o máximo rival dos pontevedreses, o extremeño Alberto Galego; e o das metas voantes, que logrou Guy Gabay, do Autronic.
Durante tres días, 15 equipos, en representación do ciclismo élite-sub 23 de España, Portugal e Arxentina -con ciclistas nas súas filas destes países, así como de Colombia, Israel e Rusia- cubriron en competición 370 quilómetros e pasaron por 17 municipios da provincia da Coruña, sacando a relucir a súa competitividade e a clase que, nuns casos, moitos reteñen e que noutras circunstancias reportaríalles máis altas recompensas; e noutros, a que as novas xeracións queren sacar a relucir para abrirse camiño cara ao chanzo máis alto do ciclismo internacional.