O Marcón Atlético perde no Carrasco ante un contundente Cultural Areas (0-2)
Por Redacción
O Marcón Atlético marcha de vacacións cunha derrota máis ás súas costas tras perder no Carrasco ante o Cultural Areas, que, pola súa banda, suma, con esta última, 5 vitorias consecutivas.
A pesar do resultado final, a primeira parte do partido estivo moi igualada entre os dous equipos, que se foron ao descanso co marcador a cero. Con todo, nada máis regresar dos vestiarios Telmo anotou o 0-1, que lles outorgaba a confianza suficiente aos visitantes para manterse superiores durante os 45 minutos restantes e lograr, así, o definitivo 0-2 no 86' por medio de Bruninho.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Cultural Areas.
A pesar do ben que se lle estaba dando a tempada ao Juventud Cambados, que foi líder de grupo ata hai dúas xornadas (nas que conseguiu 12 vitorias), as últimas foron máis inestables. Esta fin de semana rematou en táboas ante o SD Bande, equipo que ocupa unha posición da parte media-baixa da táboa.
Parecía que ía acabar vencedor, nesta ocasión en Burgáns, o cadro visitante, xa que, aos 20 minutos do comezo da primeira metade, Juan Sineiro anotou o 0-1 co que se irían ao descanso.
Tras o paso polos vestiarios, nada máis comezar o segundo tempo, con todo, Adrián encaixou na súa portería un gol de Adri Rodríguez que igualaba o partido. Xa non conseguiron os de Edu Charlin volver poñerse por riba, o que lles obrigou á repartición de puntos.
Consulta a acta do Juventud Cambados-SD Bande.
Pola súa banda, o Beluso, que loita polos postos de fase de ascenso, perdeu esta fin de semana nas Laxes nun choque directo ante o UD Atios. Malia todo, despois da vitoria do cadro visitante, estes continúan por baixo dos bueuenses na clasificación, pero, agora, con empate de puntos (34).
O encontro estivo dominado, case na súa totalidade, polos de Tizón, que, a pesar diso, tardaron algo máis de media hora en anotar o primeiro gol de man de Manu Vilán. E co 0-1 iríanse ao descanso.
Os tres goles do Atios chegaron grazas a Carlos (50'), Rubio (55') e, finalmente, Uru nos últimos minutos do partido (83'). O Beluso conseguiría que os visitantes encaixasen tamén un tanto no 87' de man de Rober (1-4).
Consulta a acta do Beluso-UD Atios.
Derrota do USD de O Grove esperada a desta fin de semana no Novo Municipal A Estrada. Pola súa banda, os locais logran manterse nunha posición privilexiada de fronte ao ascenso con esta última vitoria en casa (3ª con 39 puntos).
A dominación local foi notable desde o inicio do encontro, xa que, escasos 7 minutos despois do asubío inicial, Jorgito marcou o 1-0. O seguinte non chegaría ata a segunda parte (50'), cando Borjita acertou fronte á portería de Álex Sánchex (2-0).
Consulta a acta do Estradense-USD de O Grove.
O Villalonga termina o ano continuando coa súa mala serie despois de perder en San Pedro ante o CD Moaña, que, pola súa banda, pelexa por seguir escalando posicións.
A primeira parte estivo moi igualada. Tanto foi así que o partido foise ao descanso co marcador a ceros. O primeiro gol dos visitantes non chegou ata o 63', cando Gullón marcou na portería de Aarón. O segundo foi anotado por Curri no (73'), establecendo o definitivo 0-2, que condena o Villalonga á súa décima terceira derrota da tempada.
Consulta a acta do Villalonga-CD Moaña.
Partido igualadísimo o que se disputou esta fin de semana en Baltar de Arriba. O Xuventú Sanxenxo sumou o seu noveno empate da tempada ante o UD Barbadás, que pelexa por meterse en postos de play-off. O cadro pontevedrés, con todo, continúa fóra da zona de perigo pero non a unha distancia tranquilizadora.
Comezou gañando o Sanxenxo cun gol de Jonathan no 25'. E así se irían ao descanso, cunha vitoria provisional. Non obstante, aos cinco minutos do comezo do segundo tempo, o Barbadás empatou o partido cun penalti de Diego García. Firi volvería poñer aos locais por diante no marcador no 60', pero o tanto definitivo de Lamelas (67') faría que o choque finalizase en táboas (2-2).
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-UD Barbadás.
Lampáns acolleu esta fin de semana un partido moi igualado entre o SD Amencer, que suma a súa terceira derrota consecutiva, e o Valladares. Puido quedarse na casa a vitoria, puideron finalizar en táboas despois dun gol de Félix no 80', pero, finalmente, o tanto de Víctor Vázquez (un minuto despois do anterior, que conseguía o empate) daba o triunfo e, con el, os tres puntos aos visitantes.
Relacionadas:
-
Nova derrota do Marcón no Carrasco ante o SD Bande (0-3)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Marcón Atlético comeza o ano perdendo ante o Valladares (3-0)
Por Redacción |
-
O Marcón Atlético empata sen goles ante a Unión Deportiva Atios
Por Redacción |
-
O Marcón Atlético gaña ante o Velle no Carrasco (2-0)
Por Sofía Lorenzo |