A décima San Silvestre pechará o ano deportivo en Marín
Por Redacción
Marín volverá despedir o ano deportivo coa súa tradicional carreira de San Silvestre. A proba popular, organizada pola asociación Serraseca de Castro, celebrarase o domingo 30 de decembro.
Esta subida a Castro comezará ás 10.15 horas coa cuarta edición da andaina " Marabillas na Casa", mentres que ás once da mañá darase a saída á carreira de adultos e ás 11.45 horas a proba de menores.
O programa deportivo completarase co VI concurso de tortillas e degustación de callos, que fará as delicias de todos os participantes e afeccionados que queiran participar nesta xornada festiva.
A actividade, que conta coa colaboración do Concello de Marín, é gratuíta e aberta a todos os públicos.