Campañó convértese no punto de encontro do ciclocrós galego
Por Redacción & Diego Torrado
As instalacións do hipódromo de Campañó acolleron este domingo o Campionato de Galicia de Ciclocrós, a principal proba desta modalidade na comunidade, no que se repartiron un total de 16 títulos autonómicos nas categorías desde cadete ata máster 60.
A competición, organizada polo clube Pinarium, comezou ás 10:00 horas, alongándose ata a tarde.
Nesta ocasión, aínda que o circuíto non era facilmente modificable, realizáronse varios cambios de sentido en diferentes curvas para sorprender aos participantes, respecto á proba anterior. Hai apenas un mes de disputou no mesmo lugar o Trofeo Cidade de Pontevedra.
Ante a presenza dun numeroso e animado público, as carreiras resultaron un gran espectáculo deportivo favorecido por un trazado de 2.500 metros apenas castigado polas choivas e que permitiu unhas carreiras moi rápidas e disputadas.
Varios deportistas, campións en pasadas edicións, pelexaron en Campañó por revalidar os seus títulos na pasada tempada. Entre eles, Miguel Rodríguez (cadete) ou Jorge Fernández, que gañou con solvencia o circuíto galego no seu primeiro ano de júnior (ambos de Ponteareas).
Na proba elite-sub23, o campion foi Iván Feijóo (Academia Postal-Maceda), mientras que os seus compañeiros Saúl López e Carlos Canal foron o mellores das categorías elite e junior.
Pola súa banda, a marinense Irene Trabazo (Club Ciclista Marín) tamén participou na competición, xa que está centrada na súa preparación a nivel nacional e internacional. A pesar dunha aparatosa caída, foi a gañadora na proba élite-sub23 feminina, superando a Lucía Vázquez, que se fixo co título en elite.
Esta cita supuxo unha data importante no calendario deportivo da disciplina, xa que determinará o equipo que representará a Galicia nos nacionais que, pola súa banda, disputaranse en Pontevedra entre os días 11 e 13 de xaneiro.
Consulta a clasificación do Campionato de Galicia de Ciclocrós.