A Lanzada acollerá unha das probas do circuíto nacional júnior de surf
Por Diego Espiño
O surf de alto nivel regresará este ano á praia da Lanzada, reforzando así a aposta e o traballo das escolas locais na promoción deste deporte.
A Federación Española de Surf concedeu ao Grove a organización dunha das probas que compoñerán este ano o Fesurfing Junior Series, o seu circuíto nacional, sucedendo á praia de Patos, en Nigrán, que a acolleu en 2018.
En total serán 7 as citas previstas no calendario, sendo a do Grove a terceira delas nunha data aínda por determinar, aínda que se disputará entre os meses de abril e maio.
No areal pontevedrés daranse cita as grandes promesas do surf nacional, cunha competición que contará coas categorías Sub-18, Sub-16 e Sub-14 tanto masculina como feminina e a categoría Sub-12 (mixta).
"Esta edición temos unha proba máis e iso é síntoma de que o circuíto está a ter repercusión e seguimento en diferentes espazos", sinalou o director de competición do circuíto, Toni Obenza, á Federación Española de Surf.
As Fesurfing Junior Series foron confirmadas con sete probas puntuables de 1.000 puntos cada unha con parada, ademais de en Galicia, en Andalucía, Asturias, Cantabria e Canarias.