Vitoria do Poio ante o UCAM Murcia con dous goles de Dani Sousa (2-1)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado
O Poio Pescamar enfrontouse esta fin de semana ao último partido da primeira volta de liga ante o UCAM Murcia. Un choque máis que directo, ao que ambos os equipos chegaron exactamente na mesma situación (8 vitorias, un empate e 5 derrotas). Co positivo resultado deste encontro (2-1), as de Dani Díaz continúan, aos poucos, pelexando por regresar aos postos altos da táboa con 3 merecidos puntos máis, moi importantes para a segunda parte da competición.
Comezou moi igualado o encontro na Seca. Aínda que foi o cadro visitante o que estreou o marcador cun gol de Lola aos dous minutos do asubío inicial, as locais repuxéronse rapidamente e, pouco despois (7'), Dani Sousa empatou o choque tras un saque de banda realizado por Ale de Paz. O tanto da rojilla daría ás de Dani Díaz a confianza necesaria como para pasar a dominar o xogo. A pesar diso, os dous equipos marcharían ao descanso en táboas.
A segunda parte foi algo distinta. Aínda que as anfitrioas mantiveron, inicialmente, a súa superioridade, a falta de acerto en varias ocasións de gol fixo que as murcianas gañasen forza, conseguindo que a balanza non se decantase cara a ningún dos dous bandos. Non sería ata o 11' deste período que, de novo, Dani Sousa, dese un xiro e volvese poñer ás súas por diante no electrónico, culminando unha xogada colectiva das galegas (2-1). Así, aínda tendo oportunidades, durante o tempo restante, as do Murcia de repartir puntos, foron as de casa as que se sobrepuxeron e mantiveron a vantaxe no marcador.
Nos minutos previos ao envite, Silvia Aguete tivo o seu momento de gloria ao recoller un obsequio, por parte do club, por ser recoñecida como a mellor porteira de España e a segunda do mundo. A afección do cadro poiense quixo estar presente para felicitar á gardameta pontevedresa.
POIO PESCAMAR (2): Irene; Ceci, Jessi, Dani Sousa, Jenny Lores (quinteto inicial), Ale de Paz, Iria, Cárol e Irene García.
MURCIA(1): Cristina; Lola, Patri, Noelia, Toñi (quinteto inicial), Rocío, Carmen, Susana e Mari
Goles: 0-1 Lola (2'), 1-1 Dani Sousa (7') e 2-1 Dani Sousa (31').
Árbitros: Roldán Pérez e Dacal Deza, do colexio galego, que mostraron cartulina amarela a Jenny, Iria e Irene, do Poio Pescamar, e a María, do UCAM Murcia.
Incidencias: Pavillón Municipal de Poio, ante preto de 400 espectadores.
Relacionadas:
-
Contundente vitoria do Poio Pescamar ante o Palau, colista da categoría (3-0)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
Lidiane Carvalho, lista para debutar co Poio Pescamar
Por Diego Espiño |
-
Vitoria do Poio Pescamar nun duelo vital ante o Universidad de Alicante (5-4)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
Inicio da segunda volta para un Poio Pescamar que mira cara á terceira praza
Por Redacción |
-
Silvia Aguete estará na Eurocopa de Portugal
Por Diego Espiño |
-
O Poio Pescamar perde ante o Ourense e ponse sétimo (4-2)
Por Sofía Lorenzo |
-
Poio Pescamar sofre para dobregar a Viaxes Amarelle no derbi aprazado (2-3)
Por Redacción |