O PRC acaba a liga regular en quinta posición e o Mareantes perde a segunda praza na LGR2
Por Redacción
Dobre derrota para os equipos galegos na xornada das ligas galegas de rugby, a última da tempada regular na primeira categoría.
Precisamente na LGR1 o Pontevedra Rugby Club encaixou unha derrota sen paliativos (81-0) na casa do que concluíu como campión da primeira fase, o CR Ferrol.
Os pontevedreses non foron capaces de plantar cara ao potencial do conxunto ferrolán, pero polo menos a derrota do seu principal rival, Fendestas, en Vilagarcía, failles conservar a quinta posición final na táboa e evitar así o faroliño vermello.
Máis competido foi o choque do Mareantes na LGR2, competición na que recibiu en Monte Porreiro ao filial do Universidade de Vigo e na que terminou cedendo por un apertado 22-25.
No medio dun duelo marcado pola choiva, os locais conseguiron levar o dominio no primeiro tempo, pero non puideron conter aos vigueses tras o descanso.
Aínda que o punto de bonus defensivo obtido permite ao Mareantes non descolgarse do pelotón dianteiro, o certo é que a derrota lle fai caer á terceira posición da táboa con 29 puntos en detrimento do Muralla lugués, que lle adianta con 32 cando restan tres xornadas por disputarse.