Derbi de altura para o Arxil ante o líder invicto
Por Almu Dapena
O Club Baloncesto Arxil chama á afección de Pontevedra para apoiar ás xogadoras do primeiro equipo e así encher de verde as bancadas do CGTD. Este sábado 26 ás 19:30 horas disputarase o derbi provincial entre o Arxil, que se atopa no posto 11 da clasificación con 4 vitorias e 10 derrotas, e o Celta Zorka de Vigo, líder invicto con 14 vitorias en 14 xornadas. As de Mayte Méndez atópanse no seu mellor momento da tempada despois de lograr tres vitorias consecutivas ante rivais directos. O conxunto local logrou afastarse do descenso grazas a estes últimos bos resultados. A afección espera que Carla Fernández continúe coa súa serie anotadora tras lograr 22 puntos na remontada da xornada pasada ante o Mataró e que a nova incorporación ao equipo, a británica Chantelle Pressley lidere ao equipo.
O Celta conta coa baixa de Lacorzana e a dúbida de Edefedioka, que leva apartada varias xornadas da pista, ambas por lesión. A pesar diso, é un conxunto rápido e intenso pero terán que traballar duro se queren levar os puntos de Pontevedra.
Na mesma cancha, o domingo ás 12:00 horas, o Arxil Mafari Café xógase o liderado enfrontándose ao Maristas da Coruña que está invicto como visitante. Lino Vázquez, adestrador local, recupera a Natalia, Jara e Marta, ausentes no partido anterior.
Pola súa banda, o Junior Galega do Arxil, penúltimo clasificado, recibe ao Pío XII, cuarto clasificado, o domingo ás 19:00 horas no Campus Universitario de Pontevedra. As locais esperan ter a concentración necesaria para aguantar o xogo e aproveitar o factor campo, segundo Lino Vázquez.
O Cadete Galega enfróntase o sábado ás 17:00 horas no Universitario ante o Celta de Vigo.
O Cadete de segunda división xoga no Pavillón do San Narciso o sábado ás 12:00 horas ante o Peixe Galego, encontro que se suspendeu o 17 de decembro pola inestabilidade da pista. O partido renovarase no minuto 7 cun empate a 4.
O domingo ás 10:00 horas o Arxil Bon Pollo desprázase a Porriño coa intención de gañar ao PBB A para a segunda fase.
O equipo de Preinfantil Galega busca meterse entre os catro primeiros postos nun partido que se disputará o sábado ás 12:00 horas no Campus Universitario de Pontevedra ante o Xinzo de Limia.
O Infantil Segunda División desprázase o domingo a Cesures para disputar un encontro complicado ante o Extrugasa ás 17:00 horas.
En Minibasket, o domingo ás 12:00 horas o Arxil A xoga na cancha do Seis do Nadal con posibilidade de gañar e meterse entre os catro primeiros postos.
En segunda división hai dobre enfrontamento o sábado. Por unha banda O Arxil B xoga ante o Extrugasa en Cesures ás 16:00 horas, mentres que o Arxil C se enfronta ás 10:00 horas ao Xuven Cambados no Universitario.
O Premini Arxil A xoga ante o Meco o sábado ás 10:00 horas no Universitario, e o Premini C nos Salgueiros ante o Boa Vila ás 12:00 horas.