O Marcón arranca un empate (2-2) no complicado campo do Juventud Cambados
Por Redacción
O Marcón logrou empatar esta fin de semana ante un dos pesos pesados da categoría, o Juventud Cambados, despois de tres derrotas consecutivas. Pola súa banda, o cadro do Salnés continúa manténdose nos primeiros postos, aínda que non atravesando o seu mellor momento da tempada.
A igualdade reinou en Burgáns desde o comezo do choque. Aínda que, durante o primeiro tramo do xogo a balanza inclinouse máis cara ao bando local grazas a un gol de Ánder Ardanaz, os de Borja Burgos non tardarían en reaccionar e conseguir o empate xusto despois do descanso por medio de Xosé.
Os de casa volveron poñerse por diante cun penalti de Paco Reigosa (74'). Con todo, xusto antes do termo, os visitantes conseguiron o tanto necesario para a repartición de puntos grazas a Dani Muradás.
Consulta a acta do Juventud Cambados-Marcón Atlético.
Contra todo prognóstico, o Amanecer, situado na parte baixa da táboa, gañou, esta fin de semana, ao Barbadás, quinto clasificado da categoría. Así, os pontevedreses conseguen adiantar ao Marcón Atlético, aínda que con empate de puntos (27).
Despois dunha primeira parte moi igualada e sen goles, o segundo tramo estivo dominado enteiramente polos visitantes. Foi Javichu o protagonista da xornada nos Carrís, debido a que anotou os tres goles do Amencer (no 65', 84' e, finalmente, 86'), dándolles a merecida e necesaria vitoria aos seus.
Consulta a acta do Barbadás-Amanecer.
Pola súa banda, o Beluso fíxose, en Outeiro, cos necesarios tres puntos para continuar pelexando por manterse nos postos con opción a xogar a fase de ascenso. Nesta ocasión, logrou arrebatarlle ao Barbadás a cuarta posición ao derrotar ao Bande.
A primeira parte foi para os visitantes, que, no 25' anotaron o 0-1 co que se irían ao descanso, por medio de Manu Reiriz. Con todo, os locais igualaron o envite nada máis regresar dos vestiarios grazas a Sebas. Co empate no marcador, os bueuenses, non conformándose co punto, conseguiron, de novo, a vantaxe e, desta maneira, a vitoria cun tanto de Richi (1-2).
Consulta a acta do Bande-Beluso.
O Villalonga puxo distancia, esta fin de semana, coa zona de perigo da clasificación (décimo sétimo da táboa con 20 puntos) ao gañar por goleada ao Velle en Campo da Aira. Aínda que o encontro estivo dominado desde o comezo polo cadro visitante, o primeiro gol non chegou ata o minuto 25, cando Guerra conseguiu acertar na portería de David Viana. A continuación, David Calo anotou, a falta de poucos minutos para o descanso, o 0-2.
A dinámica non cambiou tras o paso polos vestiarios. No segundo tramo do partido destacou Javi Vila, que, no 57', puxo máis distancia no marcador con respecto aos visitantes (0-3) e, finalmente, cando quedaba pouco menos de media hora para o desenlace, conseguiu o definitivo 0-4.
Consulta a acta do Velle-Villalonga.
O Xuventú Sanxenxo conseguiu unha nova vitoria esta fin de semana, e por terceira xornada consecutiva, ante o Antela, que, pola súa banda, mantense ancorado nos postos de descenso (penúltimo con 13 puntos). Desta maneira, o cadro do Salnés segue, aos poucos, escalando posicións na clasificación grazas á súa boa dinámica. Neste momento, sitúase na parte media con 30 puntos. O partido estivo moi igualado desde o seu comezo. Despois dunha primeira parte sen goles, o tanto da vitoria non chegou ata o minuto 80 grazas a Corrales.
Consulta a acta do Antela-Xuventú Sanxenxo.
Por fin, despois de sete derrotas consecutivas (e tan só un punto en 14 partidos), o Unión O Grove logrou derrotar, en Monte da Vila, ao Moaña, que, pola súa banda, continúa distanciado da zona de perigo.
A igualdade foi a tónica do primeiro tramo de partido, que finalizou cun axustado 2-2. O primeiro dos goles, foi un penalti de Darío a escasos 10 minutos do asubío inicial e, posteriormente, no 14', Omar aumentou a vantaxe visitante co 0-2. Pero os de Santi Mariño non tardarían en reaccionar e, por medio de dous goles, ambos de Jacobo, igualaron o marcador xusto antes de marchar ao descanso.
Nada máis comezar a segunda parte, estableceuse o resultado definitivo cun penalti de, unha vez máis, Jacobo (47'), que daría a vitoria aos locais.
Relacionadas:
-
Non pode o Marcón contra un Barbadás que pelexa polo máis alto da táboa (3-1)
Por Redacción |
-
O Marcón 'cambia o chip' e vence ao Amanecer no Carrasco (2-0)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Nova derrota do Marcón no Carrasco ante o SD Bande (0-3)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Marcón Atlético comeza o ano perdendo ante o Valladares (3-0)
Por Redacción |