As futuras promesas da natación galega danse cita en Pontevedra
Por Almu Dapena
O Complexo Deportivo Rías do Sur acollerá os días 2 e 3 de febreiro o Campionato Galego de Clubs de Natación Alevín de Inverno, onde se concentrarán as futuras promesas da natación galega cun total 157 deportistas de 25 clubs de toda Galicia.
A xornada dará comezo o sábado ás 10.30 horas e finalizará o domingo ás 18.00 horas estando dividida en 4 sesións que se desenvolverán durante a mañá e a tarde de ambos os días. A modalidade máis destacada é a de remudas que se inclúe na xornada do domingo pola mañá.
O Club Natación Galaico estará representado por 10 deportistas entre os que a súa presidenta, Amparo Porta, destacou a Pablo Martín que ten como obxectivo conseguir a mínima para lograr a convocatoria coa Selección Galega e acceder a competir no Campionato de España.
Tamén incidiu no alto nivel dos participantes e explicou que gañar non é o obxectivo do club pero si que se espera que se suba ao podio, confiando en que nun futuro, o número de integrantes da escola aumente e así conseguir unha maior participación en competicións futuras.