A falta de gasolina no último cuarto condena o Arxil ante o Cortegada (60-72)
Por Sofía Lorenzo & Mónica Patxot
O Arxil, despois de quedar a moi pouco de vencer no CGTD ao líder invicto da categoría, o Celta Zorka, recibiu esta fin de semana ao AD Cortegada para disputar outro dos derbis da tempada. As pontevedresas, desaproveitando a vantaxe de xogar na casa, non foron quen de superar ás arousás.
Así, as locais, aínda mantendo certa distancia coa zona de perigo, na que se situaron boa parte da primeira volta, aprazan un pouco máis o obxectivo de ascender na táboa. A pesar de manterse practicamente todo o partido por diante no marcador, as de casa chegaron sen gasolina aos últimos minutos do mesmo, poñéndollo en bandexa ás de Rubén Domínguez.
Empezou o partido de fronte para as arxilistas. Durante a primeira parte souberon impoñerse no marcador en todo momento. Aínda que no primeiro cuarto estiveron por diante os 10 minutos, foi no segundo cando rexistraron a máxima vantaxe fronte ás vilagarciás (33-21). Estas foron incapaces de contrarrestar o alto ritmo de xogo marcado polas de Mayte Méndez e, sobre todo, de frear o acerto anotador de xogadoras como Chantelle Pressley (15) e Gala Mestres (13). Marcharon ao descanso, deste xeito, cun resultado que convidaba ao optimismo (40-34).
Na segunda parte, quizá o esforzo malgastado na anterior supuxo un desgaste demasiado elevado como para manter o ritmo. Viron como, desde o principio, perdían paulatinamente esa marxe obtida no período inicial e tan só foron necesarios cinco minutos para empatar o encontro (42-42).
Esta igualdade mantívose practicamente durante o resto do partido. Ambos os cadros preferiron non arriscar no plano ofensivo, alongando ao máximo cada un dos seus ataques e tentando evitar, desta forma, perdas de balón.
Foi a falta dun minuto para o final, cando unha alta intensidade defensiva das visitantes fixo que a frescura das pontevedresas disipásese, quedándose sen ideas e poñéndose, de forma preocupante, por detrás no electrónico tras un triplo decisivo de Cristina Loureiro (60-67). Finalmente, a situación foi irreconducible, desperdiciando, así, o Arxil, a oportunidade de levar os dous puntos (60-67).
A próxima semana, as de Méndez volverán medirse co GDKO Ibaizábal (esta vez no Polideportivo Urreta), encontro no que as galegas tratarán de mellorar o resultado do partido do pasado mes de outubro en Pontevedra (54-72) e conseguir unha necesaria vitoria.
Relacionadas:
-
Un fantástico terceiro cuarto do Arxil condena ao Barça CBS na súa pista (69-78)
Por Sofía Lorenzo |
-
Un CGTD vestido de verde non impide a derrota do Arxil ante o Aros de León (63-78)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Arxil recibirá ao Aros de León a golpe de bufanda
Por Redacción |
-
Un punto que dá alas ao Arxil ante o GDKO Ibaizábal (66-67)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Arxil morre na beira ante o líder invicto, o Celta (64-76)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Arxil gaña a revancha ao Mataró e continúa ascendendo na táboa (84-87)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Arxil vence o Cerdanyola e abandona os postos de descenso (47-65)
Por Sofía Lorenzo |