Luismi cre que o Pontevedra vai estar "hasta el final" pelexando por entrar no play-off
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol atópase nun dos momentos máis importantes da tempada, ese que pode definir por que obxectivos loitará na recta final da liga, e os granates non queren renunciar ao máximo.
"Queremos luchar e ilusionarnos por estar entre los cuatro primeros", defende Luismi, que non esquiva o ambicioso reto de entrar no play-off de ascenso e asegura que o seu equipo estará "hasta el final peleando por meternos".
"¿Por qué no generar ilusión y luchar por algo bonito?", pregúntase o técnico, esperando contaxiar ese optimismo á afección e que se incremente o apoio e a asistencia ao Estadio Municipal de Pasarón.
A tres puntos da fase de ascenso e despois tres tropezos consecutivos fóra da casa, o responsable da parcela deportiva recoñece iso si que "no hay margen para el error" se queren "al menos no descolgarte".
Por iso, ademais de gañar o domingo ante o Internacional de Madrid, Luismi sinala que "hay que intentar dar con la tecla en los partidos fuera", materia pendente ao ser actualmente o aspirante ao play-off con peores números a domicilio.
KEVIN, CON MOLESTIAS
En relación ao estado do plantel, a noticia positiva nas últimas horas foi a recuperación de Nacho López, tras concluír o choque en Valladolid con molestias por un golpe no seu xeonllo esquerdo, tal e como se reflectiu na acta arbitral. Con todo o lateral asturiano non terá problema para chegar en perfectas condicións á cita da próxima fin de semana.
Caso diferente é o de Kevin Presa, sancionado en liga, e que se exercita estes días a menor ritmo e cun plan específico de recuperación coa vista posta en estar en plenas condicións a próxima semana. Por ese mesmo motivo o centrocampista quedouse fóra da convocatoria para a Copa Federación.
Relacionadas:
-
Un Pontevedra en inferioridade queda sen premio no último minuto (2-2)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Gañar ao Internacional de Madrid, paso obrigado para que non se escape o tren do play-off
Por Diego Espiño |
-
O infortunio persegue a Álex Fernández, que estará preto dun mes de baixa
Por Diego Espiño |
-
Ao Pontevedra sáelle cara a Copa RFEF: dobre lesión e derrota ante o Cornellà (0-1)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Pasarón como terapia para o Pontevedra nunha esixente semana
Por Diego Espiño |
-
Un erro defensivo de vulto leva á derrota o Pontevedra en Valladolid (1-0)
Por Diego Espiño |
-
Álvaro Bustos, fichaxe ao límite do prazo
Por Diego Espiño |