Viaxe no día e a unha das canchas "más difíciles de Asobal" para o Teucro, a do BM Logroño
Por Diego Espiño
Sen tempo para gozar o triunfo ante o Guadalajara, os azuis bótanse á estrada para afrontar este martes (20:45 horas) unha nova xornada da Liga Asobal, en partido adiantado pola participación do BM Logroño en competicións europeas.
"Tenemos una plantilla corta y encadenar partidos nos limita bastante", explica Luís Montes ante un desprazamento que ademais da parte deportiva terá unha dificultade engadida, xa que a expedición pontevedresa viaxará á capital rioxana por estrada no mesmo día e tras só unha sesión de preparación.
A pesar diso o técnico azul espera "seguir mejorando a nivel defensivo" para tentar pelexar os puntos en xogo en "una de las canchas más difíciles de Asobal", a do actual sexto clasificado.
Para Montes o BM Logroño é "un equipo que tiene las ideas muy claras y sabe a lo que juega", polo que fixa como imprescindible para competir confirmar o "paso adelante" dado polo plantel teucrista nos últimos partidos.
Os colexiados do encontro serán os cataláns Carlos Luque Cabrejas e Ignacio Pascual Sánchez.