O TM Monte Porreiro mantense fóra dos postos de descenso a pesar da súa derrota ante o Vilagarcía
Por Almu Dapena
Bo ambiente no derbi de tenis de mesa disputado esta fin de semana no Príncipe Felipe onde o Vilagarcía impúxose ao Visit Pontevedra por 2-4. Por parte do conxunto local xogaron Tsai Chun Yu, Nico Galvano e Martín Bentancor e por parte do Vilagarcia TM xogaron Jean Lauric, Michel Obeslo e Sergei Nigeruk.
Os pequenos detalles foron os que decidiron un enfrontamento moi igualado e tenso en todo momento entre dous equipos que loitan pola permanencia na máxima categoría do tenis de mesa nacional. A pesar da derrota, o conxunto de Monte Porreiro segue fóra dos postos de descenso a falta de sete xornadas para o final, atopándose a tan só un punto por encima do Cambados e o Vilagarcía.
Comezaba o enfrontamento cun partido entre o mozo xogador local, Martín Bentancor ante o ucraíno Sergei Nigeruk onde o xogador do Vilagarcía comezou adiantándose no marcador cun 0/2 impoñendo un servizo que incomodaba a Bentancor que soubo sobrepoñerse sacando a garra e conseguiu remontar para vencer finalmente por 3/2.
A continuación saíron Nico Galvano e o belga Jean Lauric, onde o xogador do Vilagarcía impúxose por 0/3 ao xogador do Visit Pontevedra, que estivo falto de ritmo durante todo o partido.
Co 1/1 no marcador xeral, chegaba a quenda de desfacer o empate cun gran partido entre o xogador de Taiwan, Tsai Chung Yu e o checo Michel Obeslo, onde o xogador taiwanés desperdiciou unha vantaxe de 2/1 para acabar cedendo por 2/3 facendo que o Vilagarcía adiantásese no marcador xeral nun 1/2.
Chegou o partido mais emocionante do día entre Bentancor e Lauric, onde o xogador do Visit Pontevedra estivo a piques de culminar unha remontada épica pero a mala fortuna apoderouse dos de Lerez para acabar cedendo por 2/3 e poñerse cun 1/3 en contra no xeneral.
De novo volvía saír Tsai ante Nigeruk, gañando de forma axustada por 3/1 e dando emoción ao partido achegando no marcador aos pontevedreses. Finalmente, Nico Galvano tiña a oportunidade de dar o empate ao seu equipo xogando o último punto ante Obeslo, pero un Nico loitador non puido co xogador checo que mostrou moita seguridade ante o empuxe de Galvano, impoñéndose por 0/3 e dando o punto definitivo ao Vilagarcia para impoñerse por 2/4 no xeneral.
Para o próximo encontro o Tenis de Mesa Monte Porreiro viaxará a Burgos para enfrontarse ante o Universidad de Burgos, situado na zona media da clasificación e o Vilagarcía xogará en casa ante o Cajasur Priego, terceiro clasificado.
Relacionadas:
-
O Visit Pontevedra xógase todo á última carta tras gañar ao Borges Grup Vill en Lleida (1-4)
Por Redacción |
-
O Tenis de Mesa Monte Porreiro cede ante o Arteal e cae á última posición
Por Redacción |
-
O Visit Pontevedra pode regresar ao perigo tras a derrota ante o Vincios (2-4)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O debut de Tsai Chun Yu non evita unha nova derrota do Tenis de Mesa Monte Porreiro
Por Redacción |
-
O Tenis de Mesa Monte Porreiro refórzase para a segunda volta da liga
Por Redacción |