Pontevedra-Fuenlabrada, un ano despois
Por Diego Espiño
"Cómo hemos cambiado", dicía aquela canción do grupo Presuntos Implicados. É unha máxima que ben pode aplicarse o Pontevedra Club de Fútbol en apenas un ano, o tempo que transcorreu desde que o Fuenlabrada visitou por última vez o Estadio Municipal de Pasarón.
Por aquel entón o próximo rival dos granates, que os recibirán o vindeiro domingo 24 no seu campo, era como agora líder do Grupo I de Segunda B con certa autoridade (50 puntos e 6 de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor), aínda que terminaría por perder ese posto de privilexio. En canto ao Pontevedra, xa con Luismi no banco, ocupaban praza de play-out tras encaixar unha derrota en Toledo e intentaban renacer cal Ave Fénix das súas cinzas para salvar a categoría.
Era principios de febreiro na xornada 24 do campionato, e a vitoria por 3-1 dos lerezanos supuxo un golpe de moral importante para encarar a parte final da tempada.
Agora, 12 meses e 20 días despois, ambos se verán a ver as caras no mesmo escenario, pero con grandes diferenzas no que se refire aos pontevedreses. O Fuenlabrada chegará de novo a Pasarón como primeiro clasificado con 47 puntos, pero os granates son sétimos con 40 pechando o pelotón de aspirantes ao play-off de ascenso e a só 3 puntos do cuarto posto. Ademais os de Luismi son o único equipo que aínda non perdeu na casa, xeira que queren prolongar para seguir pelexando polos postos de honra.
Aínda que con diferenzas co plantel de entón, os madrileños repiten proxecto ambicioso e deseñado para buscar o ascenso, cun dos orzamentos máis potentes do grupo que lle permitiu, por exemplo, incorporar hai escasos días ao equipo a un central con gran experiencia como David Prieto para cubrir a saída do Cata Díaz. En números destaca pola súa banda o dianteiro Cedric, segundo máximo goleador do grupo con 11 tantos.
ROMAY, BAIXA POR SANCIÓN
Para esta importante xornada de liga o Pontevedra recuperará a dous homes importantes como Nacho López e Álex González tras cumprir un encontro de sanción, mesmo castigo que lle espera agora a un dos futbolistas máis en forma do grupo, Romay, tras ver ante o Celta B a súa quinta amonestación da tempada.
PROMOCIÓN PARA OS SOCIOS
O encontro do domingo 24 (17:00 horas) ante o Fuenlabrada motivou por outra banda o lanzamento dunha promoción por parte do club da que poderán beneficiarse os seus abonados, xa que se acoden ás oficinas de Pasarón antes das 18:00 horas do venres para adquirir unha entrada anticipada para un acompañante poderán comprala a metade de prezo e levarán outra gratis para a bancada de Preferencia, segundo informou a entidade.
Os prezos das entradas para este choque fixáronse en 25 euros en Tribuna, 15 en Preferencia e 10 euros nos fondos.
Relacionadas:
-
Pontevedra e Fuenlabrada prometen un partido de altos voos en Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Berrocal: "Hay que pensar en este domingo, pensar más allá no vale para nada"
Por Diego Espiño |
-
O Fuenlabrada, un muro defensivo que só conseguiu derrubar o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Nin o Celta B nin a exhibición tarxeteira do árbitro poden cun sólido Pontevedra (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Adeus á Copa Federación do Pontevedra tras perder en Cornellà (2-1)
Por Redacción |
-
Un Pontevedra en inferioridade queda sen premio no último minuto (2-2)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Machada ante o líder dun Pontevedra que dá motivos para a esperanza (3-1)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |