O Pontevedra reforza a súa candidatura ao play-off goleando o líder Fuenlabrada (3-0)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Este Pontevedra aspira a todo. O conxunto granate venceu e convenceu este domingo ao dobregar ao equipo que chegaba como líder do grupo, o Fuenlabrada, nun sólido partido que reforza a súa candidatura ao play-off, agora a un só punto de distancia. Só nun encontro ata a data, precisamente ante os pontevedreses na primeira volta, recibira o cadro madrileño máis dun gol en contra. Esta vez levou tres do Estadio Municipal de Pasarón
Prevíase un duelo disputado, de poder a poder entre dous equipos que afán conceder poucas ocasións, e a primeira metade seguiu ese guión. O Pontevedra, moi ben plantado sobre o terreo de xogo, respondía á intensidade do conxunto madrileño, sen engurrarse. Luismi variou lixeiramente a formulación para dificultar a saída do balón do rival, cun 4-1-4-1 no que Berrocal era o primeiro centrocampista e Borja Domínguez e Kevin estaban máis adiantados e presionando.
Non era fácil pisar área rival, tampouco o facía de feito un Fuenlabrada que evidenciaba a súa solidez e esperaba a súa ocasión. Así, mais alá dunha acción de Kevin pola esquerda que terminou nun centro ao que non chegou Borja por pouco, nada sucedeu en zonas de perigo ata o fío da media hora.
Foi o momento no que, nunha xogada a balón parado, o equipo visitante meteu o medo no corpo á bancada, máis poboada do habitual, de Pasarón. Iribas executou unha falta ensaiada ás costas da barreira para Cristóbal que centrou desde o costado dereito e só o pé salvador de Edu evitou Pablo Clavería conseguise marcar.
O susto non amedrentou aos granates, que continuaron co plan e insistiron na presión ata que chegou a súa ocasión, xusto antes do descanso. Álvaro Bustos percutiu pola esquerda, puxo un centro ao que non chegou Pedro Vázquez pero Borja aproveitou o despexe da zaga para conectar de volea un disparo desde a frontal que se foi rozando o pau. Non chegou o gol, pero a ocasión serviu para reforzar ao Pontevedra e á bancada.
Con ese ánimo volveron os xogadores do Pontevedra ao terreo de xogo para encarar a segunda metade. Transcorreran só 3 minutos de xogo cando tras unha recuperación Borja iniciou unha rápida transición ofensiva envorcando o esférico cara a Álvaro. O extremo avanzou ata a frontal da área, onde tocou un defensa quedando o coiro para Kevin, quen disparou e o seu rexeite tras parar o porteiro foi a parar para Pedro Vázquez anotando a porta baleira.
Os de Luismi atopaban premio, pero quedaba aínda un mundo e había que sufrir. Así foi cando o Fuenlabrada deu un paso á fronte en busca da igualada. Os granates acazapáronse entón con acerto nuns minutos nos que Randy ameazou, Cedric rozou o tanto de cabeza e Glauder nunha falta tamén estivo preto de bater a Edu.
Pero os malos momentos pasaron. Mesmo Adrián León puido facer o segundo tras unha falta sacada en curto entre Pedro e Borja que terminou cun remate do central ao bordo da área pequena. Non chegou aí o tanto da tranquilidade, pero si o fixo no minuto 85 nunha rápida contra na que Pedro Vázquez viu o desmarque en velocidade de Álex González para que batese por baixo a Bielrivas. Estalou a bancada de Pasarón, e máis o fixo catro minutos despois coa sentenza de Kevin Presa tras un gran servizo de Borja.
Un triunfo merecido que reafirma as aspiracións do conxunto lerezano e que volve demostrar, unha vez máis, a fortaleza no Estadio Municipal de Pasarón, onde aínda non se perdeu na presente tempada.
PONTEVEDRA CF (3): Edu, Nacho López (Campillo, min.88), David Castro, Churre, Adrián León, Kevin, Álvaro Bustos (Álex González, min.65), Borja Domínguez, Berrocal, Pedro Vázquez, Arruabarrena (Javi Pazos, min.80).
CF FUENLABRADA (0): Bielrivas, Mikel Iribas, Glauder (Héctor, min.78), Sotillos, Juanma, Carlos Caballero, Pablo Clavería (Javi Gómez, min.63), Cristóbal, Cedric, Randy (Borja Lázaro, min.84), José Fran.
Árbitro: Francisco Hernández Maeso, auxiliado nas bandas por José A. Gómez Rivera e Alejandro Molano Casas (Extremadura). Amoestou a David Castro, Berrocal, Churre e Borja Domínguez no Pontevedra e a Glauder no Fuenlabrada.
Goles: 1-0 Pedro Vázquez (min.48), 2-0 Álex González (min.85), 3-0 Kevin (min.89).
Incidencias: Partido da xornada 26 de liga da Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante preto de 4.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Merece máis o Pontevedra primeiro e págao despois en Ponferrada (1-0)
Por Redacción |
-
Ponferradina e Pontevedra mídense nun duelo con aroma a play-off
Por Diego Espiño |
-
En Ponferrada elevan a categoría de 'final' o duelo ante o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Luismi rebaixa a euforia: "Estamos en el camino pero no hemos hecho nada"
Por Diego Espiño |
-
A afección pontevedresa prepara o seu desembarco en Ponferrada
Por Diego Espiño |
-
Rivera, tras o espectacular 12-2 do Pontevedra B: "Desde que tengo 10 años no meto 6 goles"
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra e Fuenlabrada prometen un partido de altos voos en Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Berrocal: "Hay que pensar en este domingo, pensar más allá no vale para nada"
Por Diego Espiño |
-
O Fuenlabrada, un muro defensivo que só conseguiu derrubar o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Nin o Celta B nin a exhibición tarxeteira do árbitro poden cun sólido Pontevedra (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |