A marinense Antía Sestelo báñase en ouro no Campionato de España Sub-18 de lanzamentos
Por Diego Espiño
A progresión que está a experimentar nos últimos meses a marinense Antía Sestelo parece non ter fin.
A nova atleta, que desde esta campaña defende as cores do Ría de Ferrol dando o salto á división de honra, vén de lograr a medalla de ouro no IV Campionato de España de Inverno de Lanzamentos Longos celebrado en Castelló.
Sestelo, que competía na proba de xavelina 500 gramos na categoría sub-18, bateu a súa mellor marca e logrou establecer un novo récord galego para subir todo o máis alto do podio.
Fíxoo grazas ao seu último intento, no que conseguiu enviar a xavelina a 47.74 metros, case 2 metros máis que o lanzamento que a colocaba na cabeza do concurso, na súa terceira quenda.
Con este rexistro Antía Setelo superou en tres metros á súa inmediata perseguidora, Paola Lavernia (Playas de Castellón), que asinou unha marca de 44.73 metros. Pola súa banda o bronce foi para Paula Rodríguez (AD Marathon) cun mellor lanzamento de 43.63 metros.
Un resultado que reforza o traballo da atleta adestrada por Javier López Viñas para a tempada de verán.
O CGTD, ESCENARIO DO CAMPIONATO GALEGO
Ao mesmo tempo celebrouse en Pontevedra o Campionato Galego de Lanzamentos Longos, nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, unha cita na que o club local, a Sociedad Gimnástica, tivo especial protagonismo ao facerse con ata 13 medallas.
O equipo pontevedrés copou as prazas de podio na xavelina feminina (Andrea González, Claudia Puig e Ángeles Filgueira), e na modalidade de disco tanto feminina (Claudia Puig, María Jiménez e Sandra Carballo) como masculina (Víctor Gallego, Francisco Javier Guzmán e Imanol Cardona).