Difícil saída a León para un Teucro en cadro polas lesións
Por Diego Espiño
O máis difícil aínda para a Sociedad Deportiva Teucro. O conxunto pontevedrés afronta este venres (19:00 horas) a que "seguramente sea la salida más dura o contra el rival de más entidad que nos queda hasta final de temporada", na cancha do Ademar León.
"Es una pista dificilísima en la que prácticamente nadie ha ganado en los últimos años", sinala Luís Montes.
O técnico teucrista ten diante ademais unha situación moi comprometida polos problemas físicos crecentes no plantel azul. O último en caer foi Iván Fernández, cunha lesión de xeonllo que lle terá previsiblemente varias semanas de baixa e que se une aos lesionados de longa duranción Juan Quintas e Cangiani, que será operado leste mesmo venres. Ademais Rial e Moyano continúan entre algodóns e serán "duda hasta última hora Carlos Gehrhardt y Santana que están con molestias", confirmou Montes.
Ante esta situación cinco xogadores que comezaron o curso no filial de Primeira Nacional son seguros na convocatoria, na que podería entrar un sexto canteirán no caso de non poder viaxar Santana. Trátase de xogadores xa habituais e cada vez con maior peso como Sergio Pérez, Domingo Luis e Samuel Pereiro ademais de Diego Prada e Garrido.
A pesar das adversidades o Teucro buscará dar a sorpresa na pista do actual sexto clasificado da liga, aínda que cun partido menos que os seus principais rivais que xa xogaron esta semana. "Intentaremos dar el máximo y competir", asegura Luís Montes, para o que deberán neutralizar as rápidas transicións de Ademar nun repregamento defensivo que foi un dos puntos débiles do equipo na última xornada.
O encontro, que será televisado polo canle Gol TV, contará coa arbitraxe de Muro San José e Iniesta Castillo.