A aposta polo fútbol feminino, imparable tamén entre os clubs de Segunda B
Por Diego Espiño
O deporte en xeral e o fútbol en particular non é alleo á celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, efeméride que motiva campañas promocionais como a lanzada polo Pontevedra Club de Fútbol para o choque do seu primeiro equipo masculino ante o Burgos. Pero máis aló de accións puntuais e nalgúns casos non exentas de polémica, están a apoiar á causa as entidades balompédicas históricas?.
O crecemento e profesionalización que está a experimentar nos últimos anos é imparable. Na retina de todos os afeccionados ao deporte están os máis de 48.000 espectadores que acudiron esta tempada a un encontro de Copa en Bilbao entre Athletic e Atlético de Madrid, pero non só entre clubs históricos e poderosos do fútbol nacional apostouse con forza por desenvolver a estrutura feminina.
Tamén na Segunda División B, unha categoría profesionalizada no que respecta aos futbolistas e funcionamento de moitas entidades, son cada vez máis os clubs que impulsan a creación dunha estrutura feminina que complemente a súa actividade.
Mirando os datos do presente curso, dos 62 equipos da categoría de bronce que quedan tras descartar filiais, 22 contan con equipo feminino, con maiores ou menores aspiracións, e en moitos casos esa aposta tradúcese nun organigrama tamén desde a base. Trátase de Fuenlabrada, Ponferradina e Unión Adarve no Grupo I; Real Racing, Barakaldo, Leioa, CD Izarra, CD Vitoria e Gimnástica de Torrelavega no Grupo II; Atlético Baleares, Cornellà, Olot, Sabadell, Conquense, Teruel, Alcoyano e Castellón no Grupo III; e Cartagena, Badajoz, Marbella, Atlético Sanluqueño e El Ejido no Grupo IV.
Non é o caso do Pontevedra, unha das entidades que aínda non compite en categoría feminina. Atópase de feito no pelotón de clubs que si contaron nalgún momento con equipo feminino pero que renunciaron por un ou outro motivo, xa sexa deportivo ou económico, e é que no caso da entidade granate a desaparición do Pontevedra Feminino produciuse ao final da tempada 2010-2011, curso que supuxo unha gran reestruturación co cambio na presidencia de Nino Mirón a Mauricio Rodríguez e o descenso á Terceira División do conxunto masculino no medio dunha grande crise económica.
Antes, o Pontevedra competira cinco campañas na Primeira Nacional, como se denominaba entón á segunda categoría, logrando o seu mellor resultado na 2007-2008, na que foi subcampión do seu grupo na liga regular a só 2 puntos do campión, El Olivo vigués.
O crecemento é tal que cada ano algún dos clubs de categoría profesional que aínda non contan con equipo feminino lánzase á aventura, conscientes de que o futuro pasa por iso. Así, seguindo coa Segunda B, nos últimos meses Burgos (Grupo I) e UD Logroñés (Grupo II) confirmaron a súa intención de formar estrutura feminina a partir do próximo curso.
Curioso é tamén o caso do outro gran equipo da provincia de Pontevedra, o Celta de Vigo, sendo un dos únicos 4 equipos de Primeira División masculina sen o seu espello feminino xunto a Real Valladolid, Getafe e un coloso como o Real Madrid. En canto á Segunda División son Mallorca, Numancia, Zaragoza, Tenerife e Rayo Majadahonda os que non teñen equipo feminino, mentres que Las Palmas rubricou un acordo de colaboración cun club da illa veciña de Tenerife.