A Urban Trail Night aséntase no calendario deportivo de Pontevedra coa súa terceira edición
Por Diego Espiño
A cidade de Pontevedra será escenario o vindeiro sábado, día 16 de marzo, da terceira edición da Urban Trail Night, unha proba que os seus organizadores cualifican como "única en Galicia" e á que esperan "dar continuidade", sinalou na súa presentación Serafín Martínez, representante de Qualite Sport.
O percorrido da carreira será o mesmo da pasada edición, con 14.000 metros que partirán da Illa das Esculturas pasando por ambas as beiras do río Lérez, polo Estadio Municipal de Pasarón e polo centro histórico da cidade antes de concluír na Praza de Touros, o que supón mesturar diferentes superficies e zonas sen apenas visibilidade, para o que será necesario competir cunha luz frontal.
A carreira partirá ás 20:00 horas desde a Illa das Esculturas
Na presentación da III Urban Trail Night de Pontevedra explicaron ademais que agardan ao redor de medio milleiro de atletas participantes cando este mércores noite pechen definitivamente as inscricións.
"É un circuíto que considero espectacular", sinalou pola súa banda a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
Unha vez consolidada no calendario deportivo da cidade, a organización estuda xa variacións para futuras edicións, xa que "o que nos gustaría sería salir do centro e chegar no centro da cidade", recoñeceu Serafín Martínez.