Multa de 121 euros aos equipos pola pelexa de pais na Xunqueira durante un partido de prebenxamíns
Por Diego Espiño
O Comité de Competición da Real Federación Galega de Fútbol sancionou á AJ Lérez e á EFB Moañesa tras a suspensión o pasado domingo do partido que lles enfrontaba na Xunqueira en categoría prebenxamín por mor dunha pelexa entre pais nas bancadas.
En concreto Competición, en virtude do artigo 92.1 do seu código disciplinario, estableceu a ambos os dous clubs unha multa económica de 121 euros.
Ademais apercíbelles de "clausura de instalacións deportivas ou celebración de partidos a porta pechada" se volven producirse feitos similares.
A suspensión do encontro, argumenta na súa resolución o organismo da Federación Galega de Fútbol, tomouse con "bo criterio polo árbitro coa conformidade de ambos os delegados, ante a gravidade dos feitos e a curta idade dos xogadores participantes, sendo estas mesmas as circunstancias valoradas por este órgano disciplinario para concluír que os incidentes deben reputarse como graves e non meramente leves coas consecuencias disciplinarias antes mencionadas".
A resolución do Comité de Competición é a primeira consecuencia directa deste suceso, pero non será a última xa que o tema será tratado este venres nunha reunión de urxencia da Comisión Galega de Control da Violencia en eventos deportivos na que se estudarán sancións para as persoas implicadas na disputa.
Relacionadas:
-
A comisión galega antiviolencia abre dilixencias para determinar responsabilidades na pelexa de pais na Xunqueira
Por Diego Espiño |
-
A comisión galega antiviolencia estudará sancións aos implicados na pelexa nun partido de prebenxamíns
Por Diego Espiño |
-
Unha pelexa entre pais provoca a suspensión dun partido de prebenxamíns na Xunqueira
Por Diego Espiño | Creada e actualizada