Derrota vergoñosa dun Pontevedra sen capacidade de reacción en Salamanca (3-0)
Por Redacción
Segue o mal fario do Pontevedra que enterra lonxe de Pasarón as súas opcións de meter a cabeza nos postos de honra. No Helmántico, fronte a un equipo que non gañara no seu campo no que levamos de segunda volta, os de Luismi volveron dar a de area, incapaces de remontar o temperán gol de Indiano para o conxunto charro, o que lles afasta, poida que definitivamente, de aspirar ao play-off de ascenso.
O Salamanca, que necesitaba os tres puntos para non complicarse a vida na súa loita pola permanencia, fixo o xusto. Adiantouse pronto e permitiu logo un dominio máis ficticio que real do Pontevedra, á espera dunha oportunidade para sentenciar un resultado vital para eles, que non só conservou, senón que ampliou cunha goleada tan inxusta como vergoñosa para os granates.
Aínda por riba, os granates volveron desperdiciar as poucas ocasións claras que foron capaces de xerar e seguen sen conseguir remontar un partido cando é o contrario o que marca primeiro.
Non saíu ben o Pontevedra, sometido pola intensidade e necesidade do conxunto local, que avisou primeiro por medio de Santi Luque e abriu pouco despois o marcador cun auténtico golazo de Indiano, aproveitando un rexeite para empalmar un gran disparo desde fóra da área que entrou pola escuadra.
Con todo, os granates responderon case de inmediato, aínda que sen tanta fortuna, xa que o remate de Arruabarrena, á saída dun corner, estrelouse no poste, salvando a continuación Dani Sotres.
Con lixeiro dominio galego discorreron os minutos ata que mediado o período de novo os de Luismi puideron empatar, nunha acción que Dani Sotres salva cos pés, despois dun pase ao oco perfecto de Pedro Vázquez para Romay, que o de Malpica non puido aproveitar ante a gran intervención do porteiro local.
Mentres os locais daban un paso atrás tentando sorprender en velocidade para ampliar a vantaxe, o Pontevedra perdíase nun dominio máis aparente que real, con escasas chegadas de perigo.
A segunda parte comezou cun Pontevedra máis metido no partido, pero tamén máis exposto ás contras rivais e precisamente nunha delas un erro de Campillo deu opción a Alomerovic a marcar, pero Edu estivo sensacional mandando o balón a corner.
Luismi deu entrada a Javi Pazos por Campillo, atrasando a Álex González á posición de falso lateral para pasar a xogar con dous dianteiros, pero as ocasións non chegaban, ata que no minuto 73 o que chegou foi a xogada polémica da tarde, cando Víctor Mena empuxa lixeiramente a Arruabarrena, que se deixa caer, reclamando un penalti que o colexiado non sancionou, amoestando ao dianteiro granate.
Logo houbo opcións sen demasiada claridade para o propio Arruabarrena e Javi Pazos, sen puntería, ata que o Salamanca sentenciou, de novo como consecuencia dun descoido defensivo no lanzamento dun corner, cando Arruabarrena perdeu a marca do seu par e Jehú Chiapas de cabeza aproveitou para facer o segundo e pechar o partido.
Pero non quedou aí o "roto" senón que os granates, perdidos xa no campo, sufriron a explosividade de Owusu, que no tempo de desconto redondeou para os seus un resultado esaxerado para o visto sobre o cespede, cun terceiro gol no que se marchou en velocidade da zaga visitante.
Unha vez máis, o Pontevedra nin tivo fútbol nin acerto no remate nin capacidade de reacción, encaixando unha derrota dolorosa, provocada máis polos seus propios erros que polos acertos do contrario.
SALAMANCA CF UDS (3): Dani Sotres; Iván Calero (Owusu, minuto 68), Víctor Mena, Tyson (Javi Carpio, minuto 82), Armando, Jehú Chiapas, Din Alomerovic (Amaro, minuto 76), Sergio Molina, Santi Luque, José García e Indiano.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Nacho López, David Castro, Churre, Campillo (Javi Pazos, minuto 63), Kevin Presa (Álex Fernández, minuto 69), Álex González, Borja Domínguez, Romay (Pibe, minuto 84), Pedro Vázquez e Arruabarrena.
Árbitro: Manuel García Gómez (Estremadura), auxiliado nas bandas por Juan Manuel Sánchez Hernández e César Carretero González. Amoestou a Iván Calero, Jehú Chiapas e Javi Carpio, no Salamanca, e a Romay, David Castro, Arruabarrena e Álex González, no Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 6: Indiano. (2-0) Minuto 83: Jehú Chiapas. (3-0) Minuto 92: Owusu.
Incidencias: Estadio Helmántico (Salamanca). 4.762 espectadores.
Relacionadas:
-
Rivera aparece como salvador no 84 para dar un sufrido triunfo ao Pontevedra sobre o Guijuelo (2-1)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Luismi agarda o Pasarón "de las mejores tardes" no duelo de aspirantes ante o Guijuelo
Por Diego Espiño |
-
Un mes de competición decisivo, sen saír de Galicia
Por Diego Espiño |
-
Unha segunda volta sen goles da dianteira
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra quere recuperar corda nun escenario histórico, o Helmántico de Salamanca
Por Diego Espiño |
-
Luismi bota contas para estar no play-off
Por Diego Espiño |
-
Adrián León estará "de 7 a 15 días" de baixa
Por Diego Espiño |
-
Un gol de Adrián Cruz no 89 deixa sen recompensa ao Pontevedra ante o Burgos (1-1)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |