Marcón, Villalonga e Sanxenxo, respiran; Amanecer complícase
Por Redacción
Boa xornada en Preferente para Marcón, Villalonga e Xuventú Sanxenxo, que sumaron os tres puntos e respiran lixeiramente afastándose dos postos de perigo, os mesmos nos que se mete Amanecer ao caer en San Vicente. Beluso e Cambados seguen lonxe da zona nobre, mentres Unión O Grove dá a sorpresa en Areas pero segue lonxe da salvación.
Convincente triunfo do Marcón no Carrasco fronte a un Xuvenil de Ponteareas que foi superado en todas as liñas. Román Zabaleta abría o camiño do triunfo para os de Borja Burgos, na primeira parte, e nada máis comezar a segunda Sapi ampliaba diferenzas, para que Sebas, antes de cumprirse a hora de xogo pechase a conta co 3-0 definitivo.
Consulta a acta do partido Marcón Atlético-Xuvenil Ponteareas.
Caeu o líder Pontellas en Beluso, onde os locais fixeron un gran partido para achegarse un pouquiño aos postos de honra. Adri Estévez adiantaba ao Beluso pouco antes do descanso, pero Lucho empataba ao pouco de comezar a segunda parte.
O gol da vitoria local conseguíao Manu Reiriz no minuto 71, para logo aguantar a presión do líder e terminar festexando un triunfo que dá esperanzas aos de As Laxes de loitar polo ascenso.
Consulta a acta do partido CD Beluso-Pontellas.
Non deu opción o Estradense, segundo na táboa, a un Amanecer que se complica. Os visitantes golearon (1-4) e dominaron ao longo e ancho do partido. César Fontán, en propia porta, e Borjita poñían o 0-2 antes do descanso.
Félix recortaba para os de San Vicente na segunda parte, pero Brais Calvo, de penalti, e Jorgito terminaban con calquera posibilidade de sorpresa.
Consulta a acta do partido Amanecer-Estradense.
Segue a súa traxectoria ascendente o Villalonga, que se impuxo pola mínima no derbi de Burgans ao Juventud Cambados e suma a súa novena xornada consecutiva sen perder para situarse nunha posición que lle fai mirar con optimismo o futuro. Queda moito por diante, pero os de San Pedro, tras uns comezos de liga preocupantes, parecen atopar o rumbo e teñen agora a permanencia ao alcance da man.
Pola súa banda o Cambados afástase da zona de privilexio. Un solitario gol de Brian, no minuto 53 decidiu o partido en favor do equipo que dirixe Ricardo Fernández.
Consulta a acta do partido Juventud Cambados-Villalonga.
Osíxeno tamén para o Xuventú Sanxenxo, que conseguiu derrotar a domicilio a un rival directo pola permanencia como o Bande, deixando ao cadro ourensán nunha delicada situación, mentres os amarelos instálanse na zona tépeda.
O gol da vitoria chegou cando parecía que o marcador xa non se movería, pero Fiti conseguiu o tanto no minuto 87 que deu os tres puntos aos homes de Nel.
Consulta a acta do partido Bande-Xuventú Sanxenxo.
Partido de máxima tensión na Lomba e vitoria para un Unión O Grove que se permite soñar cunha permanencia aínda moi complicada. Os visitantes, que terminaron con dez por expulsión do seu porteiro Juan José na xogada que permitía recortar diferenzas o conxunto local, adiantáronse cun temperán gol de Bruno García e outro de Jacobo, superada a hora de xogo.
Cultural Areas foise con todo e reduciu distancias por medio de Andrés e presionou ata o final, pero os do Grove aguantaron un desconto interminable para levar a vitoria.
Consulta a acta do partido Cultural Areas-Unión O Grove.