1,5 millóns de euros para loitar contar a violencia de xénero no deporte
Por Almu Dapena
A Xunta de Galicia comprometeuse este venres en destinar 1,5 millóns de euros para loitar contra a violencia de xénero e promover a igualdade no deporte.
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e José Ramón Lete, secretario xeral para o deporte, foron os encargados de asinar este acordo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, un convenio co que se pretende que "nada faga diferentes aos homes e as mulleres para conseguir os obxectivos que se marquen" declarou Rueda.
Tamén quixo engadir que o seu interese é "que mediante o deporte se visibilice o valor da igualdade" e todo iso facelo desde a base ata os deportistas de elite que "son os que teñen que axudar a difundir estes valores" e desta maneira que "todos estean implicados nesta loita".
Pola súa banda, Lete afirmou que "este convenio sirve como compromiso serio e profundo co deporte como unha ferramenta para conseguir unha sociedade máis xusta, máis xenerosa, máis igualitaria e máis libre".
Cunha achega de 1,5 millóns de euros, este compromiso baséase na realización de campañas en espazos deportivos e difusión das mesmas a través dos clubs galegos de alta competición, en equipamento da campaña ' NON' para o colectivo arbitral, e para o programa 'Xogade', unha campaña con deportistas en centros educativos. Ademais, tamén se destinará unha parte para os deportistas olímpicos que participen en Tokio 2020 para axudar a concienciar na loita pola igualdade.