Derrota en Puente Genil para un Teucro que ve cada vez máis preto o descenso (25-21)
Por Redacción
A permanencia na Liga Asobal complícase seriamente para a Sociedad Deportiva Teucro despois de caer con xustiza na cancha dun rival directo, o Ángel Ximénez de Puente Genil. Este resultado, unido ao triunfo do Cangas na casa ante o Sinfín, deixa aos pontevedreses a 4 puntos da zona de salvación que precisamente marcan os do Morrazo.
Empezou dominando timidamente o Teucro, sobre todo grazas a un bo labor defensivo que permitía encaixar só tres goles nos primeiros 10 minutos, con Lloria acertado ademais en portería, con todo un parcial de 4-0 dos locais fíxolles pasar do 3-4 ao 7-4 mediado o primeiro acto.
A baixada de rendemento fixo a Luís Montes parar o partido na busca de osíxeno e da claridade perdida para tentar bater a un acertado De Hita (4/8 e 50% de acerto en portería nese momento).
Pese ao gol de Samu Gómez e a exclusión de Matheus Costa nada máis retomarse o xogo, o Ángel Ximénez seguiu mandando e levou a súa renda aos 4 goles de distancia. Os pontevedreses xa non defendían co mesmo acerto e a portería víase superada, polo que a desvantaxe mantíñase no tempo de descanso (13-9). Tocaba remontar.
A primeira acción na continuación acabou cun tanto de Poveda para o Teucro, que tentaba meterse de novo no duelo, algo que non permitía o seu rival ao golpear de novo para abrir a ferida ata os 6 tantos (16-10).
Aínda que os de Luís Montes non baixaban os brazos, en ningún momento conseguían rebaixar a barreira dos 5 goles en contra, e o tempo empezaba a pesar como unha laxa. Só se achegaron aos de Puente Genil a falta de pouco menos de dous minutos para o final cun parcial de 0-3 que daba algo de esperanza (24-21) e obrigaba ao técnico local a pedir tempo morto. Con todo era demasiado tarde, e o partido pechouse con resultado de 25-21.
Consulta aquí a acta do Ángel Ximénez-Sociedad Deportiva Teucro.
Relacionadas:
-
O Teucro xógase a súa Resurrección este domingo en Alcobendas
Por Sofía Lorenzo |
-
Empate con sabor amargo do Teucro ante o Huesca (28-28)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
"Partido transcendental" para o Teucro, que recibe sen marxe de erro o Huesca
Por Diego Espiño |
-
O Teucro xoga media vida en Puente Genil
Por Diego Espiño |
-
Partidazo sen premio do Teucro ante o Bidasoa (26-31)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Cutura, no top-10 histórico de goleadores de Asobal: "Los 1.600 goles significan sobre todo mucho trabajo"
Por Redacción |