Doblete para o Piragüismo Cambados na liga galega de kaiak de mar
Por Almu Dapena
Máis de 250 participantes déronse cita o pasado domingo para disputar o VI Trofeo Concello de Rianxo, pertencente á liga galega de kaiak de mar.
Cun total de 1239 puntos, o Piragüismo Cambados de categoría masculina fíxose co primeiro posto da clasificación, seguido do Piragüismo Olívico que logrou 989 puntos e o Club de Mar Ría de Aldán, con 970.
Na categoría feminina, o Cambados e o Olívico repetiron posicións logrando ouro e prata respectivamente, mentres que o bronce foi para o Club Kayak Vigo que tamén conseguiu un ouro na modalidade mixta, novidade deste ano, superando ao Naútico Cobres e Club Cabanas KDM.
Pola súa banda, en K1 Sprinter senior masculino, a primeira posición foi para o piragüista do Cambados, Miguel Pérez, que chegou a meta antes que Valentín Sabarís, do Piragüismo Verducido, e de Óscar Iglesias, do Ría de Aldán.
Finalmente, en categoría K1 Sprinter senior feminina, o ouro foi para Carmela Menduíña do Ría de Aldán, á que seguiron Alejandra Manso, do E. P. Cidade de Pontevedra, e de Antía Naveiro, do Breogán do Grove.
A seguinte competición de liga será en Cambados o 1 de maio.