Quilómetros de experiencia para o Aleata-Farto na estrea da Copa de España en Eibar
Por Redacción
A Copa de España Féminas de ciclismo en ruta abriu competición o pasado domingo no II Gran Premio Cidade de Eibar, e alí estaba o Aleata-Farto pontevedrés.
O equipo ciclista da cidade de Lérez sumou quilómetros de experiencia na localidade vasca ante as grandes figuras do pelotón nacional, entre as que destacaron as corredoras do Movistar Team.
Na carreira elite, con 78 quilómetros de percorrido con saída e chegada en Eibar, o Movistar dominou e fíxose cun triplete nas tres primeiras posicións. Lorena Llamas levou en solitario o triunfo tras atacar no alto de San Miguel, seguida de Paula Andrea Patiño e Lourdes Oyarbide.
En canto ás representantes do Farto, tres chegaron á liña de meta. Diana Pedrosa e Raquel Gisbert fixérono xuntas a 6:15 da vencedora, mentres que Katiuska García fíxoo pouco despois a 7:37.
Máis preto da cabeza estivo Inés María Pereira na carreira cadete, de 33 quilómetros, ao chegar no segundo grupo a 43 segundos. Nesta categoría finalizou tamén unha ciclista do Marín, Sonia Rodríguez, aínda que máis atrasada a 5:41.
A segunda parada da Copa de España Féminas será o Trofeo Bajo Andarax, que terá lugar o vindeiro domingo 31 de marzo en Almería.