A Facultade de Fisioterapia organiza unha carreira solidaria en favor de Amencer-Aspace
Por Redacción
O alumnado da Facultade de Fisioterapia festexará o seu patrón, San Aquiles, facendo deporte por unha boa causa.
Co apoio da facultade e o Servizo Municipal de Deportes a programación festiva do centro incluirá unha carreira solidaria en favor da asociación Amencer-Aspace, que traballa con persoas con parálise cerebral.
A proba deportiva terá lugar o vindeiro xoves 4 de abril na Illa das Esculturas, con saída previstas ás 12:00 horas desde a propia facultade de Fisioterapia.
Serán 2,7 quilómetros de percorrido cun custo de inscrición simbólico de 2 euros para colaborar coa asociación, estando a carreira aberta a toda a cidadanía.
"O xoves 4 é a festividade da nosa facultade e pensamos en cambiar a orientación do día e organizar algo aberto a todo o mundo", destaca Teresa Bellón, unha das estudantes de terceiro curso do grao en Fisioterapia responsables de impulsar unha carreira que o centro celebra por primeira vez e da que destaca "o propósito non é a competición, senón que a xente se anime a participar e que se divirta".
As inscricións poden realizarse ata as 23:59 horas do luns 1 de abril a través das redes sociais, na propia facultade ou a través do correo fisiofiestas18@gmail.com.