Multitude de persoas acuden a Marín para gozar dunha fin de semana de automobilismo
Por Redacción & Diego Torrado
Marín foi, durante esta fin de semana, sede do automobilismo. Multitude de persoas acudiron ambos os días para gozar da primeira edición da Subida Concello de Marín, que, ademais, estivo acompañada polo bo tempo, algo que facilitou moito os labores de seguridade. Baixo a organización da Escudería Torres Competición, a localidade pontevedresa acolleu, sen accidentes, unha das probas puntuables para o Campionato Galego de Montaña.
E non se fixeron de rogar. As ganas de que empezase a cita notáronse no nivel de público xa a primeira hora da mañá do sábado. Os 67 automóbiles participantes comezaron a prepararse ao redor das 9:00 horas, momento no que, tras a Estación de Autobuses de Marín, todos eles foron sometidos ás diferentes verificacións técnicas para o correcto desenvolvemento da xornada.
Xa pola tarde, pasadas as 15:30, os coches comezaron a rodar nos primeiros adestramentos oficiais e un par de horas despois chegou o bo.
O primeiro tramo da proba, ao que acudiron decenas de interesados entre os que se atopaban pequenos e maiores, con saída xunto ao Ecoparque, percorreu as estradas ata o Lago de Castiñeiras.
A xornada do domingo foi aínda máis madrugadora, xa que, despois dos adestramentos das 9:30, ao redor das 11:30 os participantes xa tomaban parte nas dúas mangas restantes da cita, que tamén se desenvolveron sen problemas.
Finalmente, no máis alto da clasificación, Alexis Vieitez, da escuadra Buxa Motor Poio, seguido por Pablo Rey, de Martínez Racing, e Abraham Vázquez, de Celanova Motor.
Unha primeira edición dunha cita que ten todas as papeletas para converterse en data fixa no calendario deportivo do Concello de Marín.