O pasado ano, Carla Santoro comezou a práctica do triatlon da man da triatleta paralímpica viguesaSusana Rodríguez. Ese mesmo 2018 fíxose con tres medallas no Campionato de España de Atletismo para menores que organizaba a Federación Española de Deportes para Cegos.
Neste 2019, con nove anos, esta promesa pontevedresa compaxina o duatlon co Club Mar de Vigo e o atletismo nas escolas deportivas da Gimnástica de Pontevedra. As súas calidades deportivas teñen feito que o pasado marzo en Collado Villlalba (Madrid), fixésese con dúas medallas de ouro no Campionato Nacional de Promesas Paralímpicas. Un metal por correr os 500 metros en 1 minuto 55 segundos; e outro por correr os 50 metros en 9 segundos 20 centésimas. Ademais, sen levar un adestramento específico previo, fíxose co récord nacional en categoría benxamín de salto de lonxitude: 3 metros 12 centímetros.
Os seus resultados levárona á clasificación para o Campionato Galego de Atletismo en pista cuberta e a final galega de Dúatlon que terá lugar este 7 de abril en Riveira. Non é competitiva, salvo consigo mesma: "nunca vai competir contra ninguén, vai gozar do deporte que lle gusta e en todo caso, a superarse a si mesma" comenta a súa nai, Vanesa Cernadas, neste Cara a cara.
A primeira ocasión que falamos con elas en PontevedraViva Radio comentaban a necesidade dun tándem. Por agora, relegárono ata que máis adiante con máis idade, tome a decisión de seguir ou non coa bicicleta. Tamén comentaron outra, a dunha persoa como guía.
Ata a data, cando corre en campo aberto, acompáñalle alguén vinculado ao Club Mar de Vigo; é dicir, non houbo resposta de ningunha entidade competente. Mentres tanto, Carla lembra unha máxima que ten memorizada da persoa a quen admira, Susana Rodríguez Gacio: "ás veces péchanse unhas portas, pero ábrense outras". Seguiremos falando dela, seguro.